Opinión

Sobre a riqueza rexional

Medir canto de rico é un territorio albíscase como unha tarefa extremadamente complexa e que pode levar a certos equívocos.  O xeito xeralmente aceptado para este propósito é a través do denominado Produto Interior Bruto (PIB).  Esta magnitude foi creada a mediados do século pasado polo economista ruso, posteriormente nacionalizado americano, Simon Kuznets.  Dende entón, utilizase como referencia fundamental por políticos, analistas e medios.Non obstante xa dende a súa creación, o propio Kuznets advertiu dos perigos de asemellar o nivel de desenvolvemento a partir do PIB.  En concreto, existen determinados aspectos non contemplados nesta magnitude con clara incidencia na nosa calidade de vida.  É por iso que, con diferente grao de acerto e éxito, temos ao noso dispor medidas alternativas da riqueza e desenvolvemento dun territorio.  

Entre estas cómpre salientar o Índice de Desenvolvemento Humano promovido polas Nacións Unidas na década dos noventa ou o recente Índice de Desenvolvemento Inclusivo do Foro Económico Mundial.  Nesta liña en España existen tamén medidas como as empregadas polo Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas (IVIE) ou a Fundación BBVA, entre outros.  

Ante as diferentes alternativas de medición, un dos aspectos de maior interese consiste en comprobar como varía a posición dun territorio atendendo ao emprego de diferentes indicadores.  Máis aínda, cando se afonda nos mesmos, é posible identificar as orixes das diverxencias o cal serve para explicar situacións económicas particulares.Este exercicio é feito no último Informe de Conxuntura do Foro Económico de Galicia, no que se realiza unha comparación de Galicia con respecto a outra rexión europea equivalente en termos de riqueza como é Irlanda do Norte.  Se nos fixamos exclusivamente na súa riqueza, ambas son rexións semellantes.  Sen embargo, con medidas que incorporen outras variables non recollidas no PIB como educación, saúde, emprego e benestar, a situación muda radicalmente.  

Así, os irlandeses superan claramente aos galegos cunha diferenza de trinta posicións no ranking europeo.  Esta circunstancia explícase polo efecto das dimensións de emprego e educación nas que Irlanda do Norte alcanza unha puntuación moi superior.  En tanto os niveis de sanidade e benestar social son moi semellantes. Quere isto dicir que, en función de como se midan as cousas, a situación pode ser moi diferente.  A riqueza non é allea a estes problemas de medición polo que á hora de tomar decisións e desenvolver políticas é recomendable ter unha visión o máis ampla posible.  Nestes tempos que a economía está en boca de todos, non está de máis telo presente.

Te puede interesar