Opinión

Tarifa nocturna

Novamente o Ministerio de Industria do Gobierno de España volta a sorprendernos negativamente cunha medida que, lonxe de favorecer os intereses da cidadanía, supón un inconveniente ao que facer fronte. De golpe e porrazo e sen previo aviso, o señor Clos e o seu equipo veñen de decidir que o sistema de tarifa nocturna da electricidade (do que, por certo, se favorecen 160.000 fogares galegos) ten que desaparecer. Máis aínda, o que resulta peor é que non achegan alternativas a esta supresión. Xa non se pide unha explicación, senón indicacións sobre o que se pode facer antes as consecuencias desta decisión discriminatoria para os usuarios.


Neste senso, a Consellaría de Industria e Innovación da Xunta ten reaccionado axeitadamente e, así, vén de facer público un escrito no que se protesta oficialmente por esta medida amosando a súa preocupación polos efectos negativos que vai reportar. De feito, salienta negativamente como preocupante o xeito en que se materializou a medi da cunha ’nula información por parte do Ministerio aos consumidores’.


Facendo un pouco de historia, a ’tarifa 2.0 con discriminación nocturna’, coñecida coloquialmente como tarifa nocturna, foi promovida polo propio Estado dentro das súas competencias no mercado enerxético. Era esta unha das súas resposta ás particularidades na distribución da electricidade e o resultado foi certamente positivo. Ademais, favorecería non só aos consumidores xa que logo as propias empresas se beneficiaban de non ter que distribuír a horas ’pico’, senón noutras de baixa demanda como é a noite.


De tódolos xeitos, o que máis estraña de todo é que esta medida sexa feita en período preelectoral. ¡Xa non estamos a salvo nin sequera nestas datas! Así pois, segue a bater records o ministro de Industria: quizais algún día de tanto que fai se lle escape algo bo, seica un cursiño acelerado para entender a nosa factura da luz... ¡todo é posible!

Te puede interesar