Opinión

A vivenda na paisaxe


Todos os que percorremos Galicia, sobre todo no seu interior, observamos con mágoa como a incomparable paisaxe coa que contamos vese a cotío quebrada pola disposición e estrutura das vivendas rurais. Máis aínda, esta situación lonxe de se arranxar, está a presentar claros síntomas de deterioro. Non pretendo aquí explicar os seus múltiples motivos, xa que logo respostan a razóns de sobra coñecidas: despoboamento rural, marcado envellecemento, falla de posta en valor das actividades destas zonas e, por que non dicilo, un nivel de calidade de vida máis baixo.


Chegados a este punto e detectado o problema cabería agardar dos nosos responsables políticos actuacións axeitadas que estean encamiñadas neste senso. De xeito específico, cómpre salientar que dende a Xunta, tanto a Consellaría de Vivenda como a de Medioambiente, veñen tempo incidindo na urxente necesidade de recuperar a paisaxe (vivendas incluídas) como valor patrimonial do noso territorio.


Non obstante, equivócanse de xeito inexplicable na maneira de actuar e incidir sobre o problema. De feito, coa Lei da Paisaxe que pretende aprobar a Administración autonómica, a principal medida radica en actuacións coercitivas cara os propietarios que ‘descoiden’ a súa vivenda. En primeiro lugar, isto non é axeitado á realidade social (nin económica) que estamos a vivir, ao que se lle engade a súa difícil xustificación, xa que mesmo nas cidades, onde si hai un problema no mercado das vivendas non presente aquí, está atopando para a súa aplicación serias dificultades.


Así pois, en vez de desenvolver medidas imaxinativas ou que cando menos superen as limitadas axudas da Consellaría de Vivenda á remodelación de vivendas rurais, óptase pola postura máis doada. Nin sequera se aposta por algo orixinal xa que se toman modelos doutras autonomías de escasa efectividade.


De novo, unha mágoa que ao final pagamos todos nós.


Te puede interesar