Opinión

Do amor ferido

Hoxe, aloulados, camiñamos esquivando esas apuntadas pedras, as nubes de treboada, as negruras, seixos e pelouros que atopamos.

O aire golpéanos impertinente neste abril polemizo, seco, amaiado e lonxe de sentirte irritado peitea teu cabelo pola fronte.

Inda escoito os martelos golpear as túas mans e os teus pés, meu bo Xesús, e a lanza do soldado desgarrar.

Inda sangran, e vexo, as túas feridas mentres nos, enchidos de ledicia, chegamos a Emaús, a partires o sagrado pan da nosa vida.

Poema de gloria

A mañá estóupame nas mans, coma un petardo de cores. Noto a túa misericordia coma un pequeno ramo de flores que cortou unha nena nun ribazo cheo de caracois.

O domingo entra quente, espelido, inquedo, no meu carto. Penso en Ti e faise o solpor. Todo remata… Todo comeza en ti e de súpeto... vai pechando e abrindo.

Principio e fin. Deus omnipotente e home pequerrecho e cheo de feridas.

Omnipotente deidade e diminuto xudeu pinchado nun pau de aciñeira. O Cireneo queda pasmado…

Poema da sede

Véxote reflectido nesta auga que me atravesa, e logo esváeste Néboa branca e húmida.

Tatexo se quero falarche. A túa ausencia, repenica no parche do tambor da miña vida.

Líquido Deus. Cando te atopo anégasme, énchesme, inúndasme. Narciso infindo.

Quero eu tamén reflectirme preto de ti, pero non podo. Escórresteme entre os dedos por birlo birloque, e… teño sede. Canta sede.

Mais eu… Non atopo a túa xerra, que me sacia.

Poema do medo

Pámpano tolo, verde e feble. Busco recunchos para amarrarme a Ti. E circundarte e envolverte e estreitarte.

Porque teño medo, moito medo. A miña soidade é unha man que se estalica de par en par para apalparte, atoparte…E non teño onde asirte. Afogo e a túa man repúdiame.

Mentres me rexeitas penetro no interior do estanque preto.

Poema do espírito

O Criador estarrícase na luz da mañanciña e o Salvador na hora de nona entrega a ánima no alto dun cruceiro feito coa madeira que atoparon nas costas daquel salgueiro.

E así xordes Ti, a quen ninguén recoñece, Dourada verdade, Espírito que completas o amor perfecto da Trindade.

Ninguén fala de Ti, Corazón do Fillo, Mans abertas do noso Pai que sempre nos mima cando na noite preta, teimada, a garduña sae.

Corazón, Mans abertas, Suave brisa, Espírito, que me avivas…, e me espertas.

Poema do solpor

Cordeiros tolos, as nubes, pastan no escuro do ceo e logo disolven no ar mañizas de algodón vello.

O vento danos no rostro e produce afección, noxo, consternación, coma se xa fose agosto.

Mentres algunhas pingadas salpican no carreirón e van deixando pegadas, Ozono, lembranzas e bicos no fondo do Topetón.

A tarde gris e opaca comeza a sonecar, e cando todo se durme e tornan rabaños e vacas…Ouvimos a Deus pasar.

Poema da cidade

Asfalto e luces de neon. Tatuaxes e whisky… Alguén morreu no corredor.

Heroína, plástico, gomas, anfetaminas… Un neno quedou sen respiración.

Autobuses sen parada, mil ollos sen as súas miradas… se suicidan no teu balcón.

Bolboretas de cores, saltóns, grilos, ras, cabaliños do demo, viven no cornecho das espigas.

Alguén… “se busca” di unha cartela. Igrexas sempre pechadas. Templos sen campás… Chora naquel banco da estación un banxo e un bandoleón.

Deus está enfadado. Denigrado, vituperado…

E durme só nun vello cartón.

Te puede interesar