Opinión

En canto a Alfredo Conde

Vénseme á cabeza unha frase de Benjamín Franklin que ten gravada un zippo que me regalou un amigo na miña época de fumador compulsivo, que di: “A honestidade é a mellor política”. Se tivese que definir a Alfredo Conde definiríao como un galeguista honesto. Sei que mo consentirá e permitiramo. Por aquí ira esta disección tras ler “En canto a Fraga”, a súa última obra, e digo ben última que non derradeira.

Vai permitir o lector que faga un breve comentario respecto de Fraga e o seu legado. O PP en xeral, e o PP de Galicia en particular, non respectou nin o seu legado, nin a súa memoria nin nada de nada. Eu en primeira persoa vivín como o acantoaban: o seu pensamento, a súa obra, en definitiva a súa faena non está sendo respectado, polas dúas direccións do PPdG e o PPdE,… en fin eles saberán. Entre Alfredo e Manuel, ou sexa, Conde e Fraga, quedaron cousas por dicir, tal vez por ese último ruxido a destempo e sen sentido do león de Vilalba.

Futuras xeracións verán na figura de Alfredo Conde ese galeguista honesto do que falo no meu primeiro parágrafo, ese galeguista que antepón aos seus intereses persoais algo máis grande que nos incumbe a todos: Galicia. Si, sen ningunha dúbida, é un galeguista activo, en cada anaco da súa vida hai referencias constantes á nosa Galicia. Na vida, o sinxelo é ir dun lado da beirarrúa para que os coches non che atropelen, pero o meritorio é ir cruzando de lado a lado para non deixar nada atrás, iso é ser honesto coa humanidade; se o aplicamos ao galeguismo é asumir un papel ás veces executivo (conselleiro de Cultura) ou ás veces influente (asesor de Fraga), por iso o meu querido lector: Alfredo Conde é un galeguista honesto.

Esta última obra, ten episodios nos que se pode observar a xenerosidade especial de Alfredo. Na vida case todos nos iríamos a miúdo polo camiño sinxelo, polo “mesmo lado da beirarrúa”, pero el prefire cruzar, avisar, aconsellar, advertir,… ao presidente de Galicia, aínda sabendo que iso lle pode provocar un ruxido do de Vilaba ou mesmo se cabe unha putada, pero o fai porque así llo dita a súa conciencia. Grandeza e xenerosidade iso despréndese nalgún capítulo.

Noutros capítulos ponse de manifesto unha certa impotencia, ou polo menos este humilde torceliñas que se atreve a falar da obra dun grande (observa as miñas desculpas por adiantado, senón é así). Pasaxes nos que advirte ao presidente de Galicia que ten que facer máis país e “menos autovías, autoestradas, portos,…”. É o Alfredo máis galeguista que quere transmitirlle ao presidente de Galicia, cousas tan importantes como que Castelao non construíu nin un só quilómetro de autoestrada, nin de carreteras, nin puxo un só teléfono no rural,… cousas que estaban moi ben,… pero Castelao “fixo país”. Ese é o Alfredo que é capaz de deixar ao carón a súa propia figura, o seu ego para deixar paso a Galicia, e cando non consegue todo o efecto por el desexado no presidente de Galicia, séntese… ¿algo impotente? A miña opinión, xa que nos viñemos arriba: Alfredo fuches, es e serás sempre un “ bo e xeneroso”, non te vexas nin te sintas impotente. Fixeches, fas e farás moito ben a Galicia.

Alfredo non necesita nin afagos, os seus premios, os seus doutoramentos, a súa obra e a súa vida, fano por si mesmos, pero este libro se necesita do recoñecemento do lector. “En canto a Fraga” é máis importante para o galeguismo piñeirista en particular, e para o galeguismo en xeral. Insisto, desde o punto de vista dun humilde lector, dicir que este libro esperta en min eses vellos e afondados desexos do galeguismo fraguista, cuiñista e baltarista co que tan ben nos foi.

Unha vez máis, e termino, grazas Alfredo, por facer das túas liñas unha Galicia máis grande, máis limpa, máis pura, máis forte,… sen dúbida un honesto galeguista “ bo e xeneroso”.

Te puede interesar