Opinión

Esperanza para unha cidade traizoada

En 1921, Ortega e Gasset laiábase de que o poder establecido só pensaba en si mesmo. Dezaseis anos despois, Machado dicíalle a un amigo estranxeiro que os nosos mandamáis invocaban a patria para logo vendela, mentres o pobo loitaba con sangue e saliva; por iso, amar a terra vai de seu e non precisa de palabras grandilocuentes.

Alleas a este discurso, as elites do país enriquecéronse a costa do pobo e dos vencidos durante 40 anos dunha ditadura de terror e rapina, na que levaron á práctica mañas aprendidas nos máis de 25 pronunciamentos militares que aconteceron dende 1814 en España.

Chegada a transición, penetraron na paisaxe democrática ata os que militaban na Falanxe, como foi o caso, durante 35 anos, do que logo sería fundador da Alianza Popular que deveu no actual Partido Popular.

Algúns estudosos subliñaron a mutación camaleónica do seu discurso, que foi cualificada de evolución polos partidarios, e tachada de maquiavelismo (ou funcionalismo político dende perspectivas máis analíticas) polos detractores. Mais o cambio discursivo non implica necesariamente mudar de pensamento.

De feito, os responsables dos populares en Ourense e Galicia semellan ser unha réplica facsimilar e actualizada dos seus devanceiros, xa que pensan e senten que todo lles pertence, e impoñen trabas insuperables para os que desafían o statu quo, como esixirlle ao candidato máis votado que ceda o seu posto a outro para salvar a cidade.

Pero aconteceu algo inesperado para eles: en aras da gobernabilidade da cidade, e polo ben común, a persoa coaccionada acatou a imposición inxusta e renunciou a ser alcalde.

Perplexos pola resposta, os dirixentes populares dixeron desconfiar do socialista, a quen acusaron de “falsidade”, e atribuíron –mediante unha ideación retorcida– a intención de gobernar a través dunha persoa de “palla” ou “figura interposta”.

Unha falla de respecto tanto para os compañeiros socialistas, como para os 14.562 ourensáns que lle votaron, sen esquecer que é un argumento paradoxal para o PP dunha provincia onde pasou a Deputación de pai a fillo, como se fora a herdanza.

Ao verse descubertos, os populares reaccionaron con ira e intensificaron o castigo engadindo outra cláusula abusiva a quen asumiu a súa extorsión inicial: esixíronlle que abandonara a política.

É dicir, a cólera fixo aflorar a súa esencia, ripoulles a pelica democrática, e deixou á vista as súas ancestrais mañas.

Agora non só a cidade ou a provincia, senón que o resto do mundo é testemuña do ADN político dos prebostes populares desta terra.

O PP de Ourense e Galicia culminou a súa “proposta” convidando a “sentarse” ao PSdeG-PSOE para compartir un goberno de coalición, logo de expulsar da política o candidato máis votado e voceiro socialista no Concello e na Deputación de Ourense.

Tal é a “oferta” popular; nada máis, e nada menos.

Desde o Partido Socialista non imos ceder a semellante contrasentido e chantaxe antidemocrática sen precedentes.

Vaia por diante que tampouco reclamaremos que o responsable e voceiro do PP no Concello renuncie á súa acta de concelleiro ou de senador, nin que faga o mesmo no Concello de Esgos ou na Deputación o fillo do anterior presidente provincial, que recibiu a institución provincial de mans dun pai inhabilitado pola xustiza para exercer calquera cargo público. Nós si que poderíamos poñer vetos aos que se aproveitan do sistema electoral!

Pero non realizaremos ningunha destas accións porque somos demócratas, e asumimos os resultados das urnas e do procedemento electivo nas administracións provinciais, así como o dereito incuestionable dos cargos electos á participación política.

O respecto as regras democráticas debe conducirnos, asemade, a inhibirnos de penetrar en casas políticas alleas. Os populares de Ourense contrarían esta norma coa arela de xerar división interna no seo do socialismo municipal, e coa finalidade de trasladar á opinión pública unha imaxe de conflito interno que desacredite ao PSdeG-PSOE da cidade. Actuando deste xeito tratan de ocultar a pugna tradicional entre boinas e birretes do PP (ou entre os populares de Ourense e os de Santiago), e deostan a imaxe de unión e lealdade nos partidos políticos.

O seu xeito de actuar é doutros tempos, e lembra casuísticas como o pagamento de matóns para intimidar aos electores rivais, ou situar urnas en sitios onde os votantes non estaban dispostos a acudir, como hospitais de enfermos contaxiosos, cortellos ou no alto dos tellados.

Estes e outros exemplos de manipulación democrática no pasado foron recollidos polo historiador Paul Preston no texto titulado “Un pobo traizoado”, e hoxe semellan extemporáneos.

Sen embargo, as coaccións citadas nestas liñas traen de volta atavismos pre-democráticos que acontecen nesta Ourense traizoada e vítima dunha emigración forzada, semellante ao desterro político que pretende aplicarse aos que non comulgamos con prácticas propias da dereita máis atávica.

Nestes momentos que estamos a vivir, resulta acaída a frase atribuída ao filósofo Santayana de que “aqueles que non poden lembrar o pasado están condenados a repetilo”. De nós dependerá que este presente sexa punto final, aparte ou seguido.

E malia o bloqueo do PP á ilusión de darlle un Goberno real á cidade xa, os socialistas dicímoslle á xente que manteña a esperanza, e que nós loitaremos cada día con máis intensidade porque a democracia e o progreso están máis preto que nunca das portas de Ourense.

É hora de berrar:

Basta xa!

Nós non imos parar!

Te puede interesar