Opinión

Viva a Garda Civil

Hoxe é un día de celebración para os integrantes da Benemérita. Como vén sendo habitual, cada 12 de outubro conmemoran a festividade da Virxe do Pilar, con actos relixiosos, sociais e de entrega de recoñecementos. 

A Garda Civil presta un servicio esencial á poboación. Un Corpo que avanzou en dereitos pero ao que se lle segue a negar o dereito de sindicación. Neste senso, asociacións como AUGC fixeron e fan unha gran labor ao abrir camiño. As dificultades ás que se enfrontan os seus responsables non frearon a denuncia das inxustizas como é que unha discusión cun superior poida rematar na xurisdicción militar con pena de prisión. 

En certas ocasións, albíscanse cobadazos entre a Garda Civil e a Policía Nacional. Episodios que se ciñen, maioritariamente, ás altas esferas de ámbalas dúas institucións e que case sempre teñen como nexo común a pugna polas competencias consagradas na Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade que, según o interese puntual, se cumpre ao milímetro ou se desvía o que sexa menester. Vénme á mente unha absurda Instrucción da Secretaría de Estado de Seguridade que encomenda á Garda Civil o traslado de reclusos dende as prisións, como por exemplo á de Ourense, que se atopan en ámbito competencial da Garda Civil e que debe executar, inicialmente, este Corpo, para unha vez chegada a patrulla á cidade, encomendar a custodia á Policía Nacional, en dilixencias que en ocasións no duran nin 15 minutos, tendo que desplegar unha cantidade inxente de recursos, que ben se podían empregar noutros cometidos. Outro exemplo de duplicidade de funcións é a que ocorre nas investigacións de certo tipo de delitos que fai que non se optimicen os medios dispoñibles. En diversas ocasión e foros púxose sobre a mesa a posibilidade de unificar ambos Corpos de Seguridade nun só instituto armado de naturaleza civil. Ningún partido político que gobernara ata o de agora e que contase cos deputados e senadores suficientes para modificar leis orgánicas explorou esa posibilidade. 

Mentres tanto, e facendo miñas as reivindicacións dun gran loitador dos dereitos dos gardas civís, coido que non ten sentido, a día de hoxe, que 32 municipios en Ourense dispoñan de cuartel cando non contan con suficiente plantel, o que provoca que a súa función principal sexa a xestión administrativa, non podendo realizar prevención nin investigación de delitos. O peche da metade dos cuartéis onde a localidade dispoña dunha poboación menor de 5.000 habitantes, faría posible reforzar con gardias civís os núcleos máis poboados e prestar un mellor servizo ó cidadán no ámbito de actuación da Benemérita. A día de hoxe, nas Oficinas de Denuncias e Atención ao Cidadán da Policía Nacional sufrimos a falta de axentes nos postos da Garda Civil que imposibilita unha atención na recepción das denuncias durante as 24 horas do día, sendo estas derivadas ao ámbito de Policía Nacional con conseguinte perxuizo que se ocasiona á cidadanía. Os tempos de atención en localidades próximas ás cidades tamén son altos ó ter que desprazar dotación que se atopan a ducias de kilómetros. Por todos eses homes e mulleres que enfundan o uniforme verde cada día e que hoxe tamén velarán pola seguridade nos nosos pobos e nas nosas estradas e que significan o maior potencial do Corpo irmán, viva a Garda Civil.

Te puede interesar