Opinión

Gracias

Hoxe remata o primeiro trimestre escolar e todos os galegos temos motivos para estar orgullosos do noso sistema educativo. O pasado 10 de setembro comezaba o curso máis excepcional que recordamos e encarabamos xuntos o reto de converter as aulas en espazos seguros. Faciámolo coas dúbidas lóxicas de quen afronta algo por primeira vez. Nunca antes tiveramos que xestionar unha situación como a actual, que pon a proba a nosa capacidade e os nosos valores como sociedade. 

Superada esta avaliación, creo que podemos estar satisfeitos e debemos agradecer ao conxunto da comunidade educativa o seu esforzo para logralo. Gracias a todos os que fixestes co voso traballo diario que isto fose posible.  

Reabrir os colexios e institutos, e recuperar así os ritmos cotiás, era necesario para manter as claves dun sistema de calidade, inclusivo e equitativo como o galego. A covid non podía interromper a educación dos nosos fillos.  Xogámonos o futuro e iso require determinación no presente. 

Cada día, medio millón de persoas entran e saen dos mil trescentos centros educativos galegos, lugares abertos que interactúan permanentemente coa sociedade. Somos unha das comunidades autónomas que apostou por unha maior presencialidade e, malia iso, a incidencia do virus foi moi reducida grazas ao compromiso colectivo co cumprimento dos protocolos e das medidas de prevención. 

Non foi doado. Debemos, debestes, adaptarnos aos múltiples requirimentos sanitarios sen descoidar o obxectivo primordial de educar. Cada un de vós deu o mellor de si. 

O conxunto dos galegos debeu facer un importante esforzo económico que permitiu a contratación de dous mil trescentos docentes, a maior feita nunca. Houbo que tomar decisións en directo, escoitando sempre á comunidade educativa, con instrucións e plans que foron adaptándose, pero que procuraban sempre o obxectivo que agora acadamos. 

Gracias. Gracias aos equipos directivos que puxeron en marcha o sistema a contrarreloxo e aos profesores, que traballaron sen reloxo para superar medos e transformar incertezas en normalidade. Gracias ao persoal da administración, de servizos e de limpeza. E, por suposto, gracias aos mozos e mozas, aos alumnos, que unha vez máis deron un gran exemplo, algo que debemos agradecer ás súas familias. A todos, gracias. 

Agora que comezan as vacacións do Nadal, non podemos baixar a garda. Porque o virus continúa aí e cómpre retomar a actividade lectiva tras este merecido descanso. 

Tiñamos, e aínda temos, unha proba extraordinaria por diante. Pero tamén a capacidade de estar á altura, como demostrou toda a comunidade educativa. Moitas gracias e feliz Nadal!

Te puede interesar