Opinión

Acosada na escola

Alucinante. Que o ministro de Interior Jorge Fernández Díaz afirme que non había acoso, despois das consecuencias da brutal paliza que recibiu a nena de oito anos no patio do seu colexio -Anselm Turmeda-, é penoso, vergonzoso e absolutamente indigno. En que cabeza cabe que unha malleira deste calibre -a nena foi hospitalizada por fractura dunha costela, desprendemento do ril e contusións por todo o corpo- se produce de socato, sen máis?

Toda agresión vén precedida dun menosprezo que dá paso ás faltas de respecto, materializadas, nun primeiro momento, por medio de alzamentos de voz e insultos para ridiculizar a alguén. Se se fai diante de moitas persoas, mellor. Este tipo de actitudes, profundamente despóticas, son o preámbulo da violencia física, isto é, de palizas. Unha persoa non pega a alguén que respecta ou admira. Daquela, o odio e a manía son o paso previo de calquera tipo de maltrato. Por que odiaban eses rapaces a esta cativa? Porque lle gustaba “vestir coma un neno” e xogar ao fútbol. Simplemente por iso. Tendo conta disto, a pregunta que cómpre non se fai esperar. Por que xogar o fútbol ou “vestir como un rapaz” ofendía tanto os agresores? Por que, talvez, consideraron unha ousadía que pretendese ocupar un espazo que eles crían propio? É esta agresión un síntoma dunha sociedade heteropatriarcal que non contempla outro xeito de educar as crianzas fóra da vella oposición entre o que se cre propio da masculinidade e o que, pola contra, se asume como intrinsecamente feminino? Ao meu ver, estes agresores -todos eles nenos entre os 12 e os 14 anos-, son auténticos fillos do patriarcado na medida en que reflicten, no seu “modus operandi”, unha educación sexista que incide na desigualdade e busca, por tanto, manter os privilexios que eles consideran pertencentes unicamente aos homes.

Á marxe disto, faise tamén bastante penoso o desleixo da dirección do centro, que, polo visto, permanece en silencio ao respecto deste brutal ataque. O tema é moi delicado, obviamente, porque, segundo se informa nos medios, non habia ningún mestre ou mestra no momento da agresión. Isto pode entenderse, pois talvez estaba noutra parte do patio e non viron a lea. O que xa se fai bastante máis incomprensíbel é que, unha vez informados/as do acontecido, permitisen que a alumna regresase á aula para continuar coas clases, como se nada tivese pasado. A verdade é que isto deixa ver unha falta de empatía ben grande coa cativa e mais coa súa familia. De feito, cando a nai a foi recoller á escola, seica lle dixeron que, malia o sucedido, a pequena estaba “ben”. Pero vamos a ver, que entende esa xente por “ben”? Como podía estar “ben” a meniña se no hospital lle dixeron, repito, que tiña unha costela fracturada, desprendemento de ril e diversas contusións por todo o corpo? Sinceramente, fáiseme difícil desculpar tanta neglixencia. A mala xestión deste conflito constitúe, ao meu ver e ao de moitas outras persoas, unha vergonza para o colexio, porque pon en evidencia, insisto, a falta de profesionalidade e rigor dos responsábeis, que, en definitiva, veñen sendo os membros da dirección do centro, aos que xa se avisara, en máis dunha ocasión, do acoso que padecía a rapaza. É importante que nos concienciemos dunha cuestión importante: para que alguén matrate fisicamente a unha persoa é necesario que exista odio, manía, desprezo.

Estes sentimentos negativos son unha proxección evidente das carencias de quen berra, insulta ou pega, e que, dalgunha maneira, sente que o seu espazo está a ser atacado. Entender que ese espazo é común e pode ser partillado con xenerosidade é algo no que se debería traballar seriamente nas aulas. Antes de aprender matemáticas, lingua ou ciencias, as crianzas deberían aprender algo de bondade, e, xa que logo, a non xulgar. Isto está claro, mais, dámos nós, as adultas e adultos, exemplo coa nosa conduta ou nos dedicamos á crítica constante? El non será que non sempre se pode aprender a outra persoa o que non se sabe? Ai soberbia soberbia, ese maldito refuxio dos complexos de inferioridade...

Te puede interesar