Opinión

As acosadoras de Carla Díaz Magniem

Carla Díaz Magnien sucidouse con catorce anos, en plena adolescencia. Vai xa para dous anos. O que orixinou ese impulso mortal de se lanzar ao mar foi unha anguria que non lle cabía no peito. Carla foi acosada no seu instituto día tra día, sen tregua. Chamábanlle “bizca”, “bollera”, alén de lle facer rimas coma esta, “Carla, topacio, un ojo para acá y otro para el espacio”, ou de lle botar enriba augas fecais. Lamentabelmente, a cousa non se limitaba ao contexto escolar, porque as abusadoras continuaban coa burla polas redes sociais, así é que a sensación de ridículo e vergoña de Carla tiña de ser inmensa, tanto que decidiu poñer fin á propia vida. Un final moi tráxico que deixou á familia desolada.

Hai unhas semanas saiu a sentencia do xuíz. Nela, as dúas acosadoras son condenadas a catro meses de traballos socioeducativos. Imaxino que a idea é que estas maltratadoras adquiran certa conciencia da responsabilidade dos seus actos. Normalmente, en casos deste tipo, adoitamos centrarnos na personalidade da vítma dese acoso, así é que as valoracións non se deixan esperar.

Podemos dicir, por exemplo, que era moi tímida, que non se integraba ben, que era moi sensíbel, e, ao facelo, vitimizámola outra vez, como se esa personalidade “diverxente” se fixese difícil de comprender para o resto de “compañeiras” -entre comiñas o de “compañeiras”, por razóns evidentes-, que están en plena explosión hormonal e non teñen a madureza suficiente para asumir e aceptar que hai persoas que non partillan o seu modo de ver as cousas e moito menos de actuar. Pero, que pasa coas acosadoras? Meditamos sobre as carencias que poden arrastrar para levar ao cabo ese tipo de condutas? Porque o feito de recibir Carla esa violencia gratuita todos os días non ten nada que ver coas súas posíbeis eivas, mais coas das acosadoras. Son estas últimas as que teñen un problema severo de personalidade, porque hai que sentirse ben inferior para necesitar pisar a autoestima doutra persoa. Aí é onde entra a familia. Seguramente nese contexto haxa bastante material de grande interese psiquiátrico, porque unhas rapazas de catorce anos non desenvolven actitudes e comportamentos sádicos sen máis. Iso, normalmente, vai ligado a algún tipo de carencia afectiva no ámbito familiar, porque esa necesidade de poder, de facerse presentes, non “entre os demais”, senón “sobre os demais”, ten que ter unha explicación racional.

Ocórreseme que a escaseza de atención emocional podería pois ser esa explicación. Iso ou son un par de psicópatas, que tamén podería ser, por duro que isto nos pareza. Creo que se nos fai costa arriba recoñecer certa maldade nas persoas menores de idade, porque dalgunha maneira, presupoñémoslle un estado de inocencia permanente, pero isto non sempre é así.

De onde proceden entón os maltratadores, as abusadoras que vemos no entorno laboral, as creadoras e fabricadores de todo tipo de rumores? Apareceron sen máis? A mesquindade é unha flor perversa, radioactiva, que renuncia á procura de certa excelencia moral -a utopía, como dicía Galeano, é un incentivo para a loita, malia non acadarse nunca, por iso é unha utopía, claro- e sempre busca escusas para liberarse de responsabilidades. Neste caso, de certo terríbel, as responsabilidades recaen, á marxe das dúas acosadoras de Carla, nas súas familias e no propio centro educativo, que, como explica a nai de Carla Díaz Magnien relativizou demasiado tempo o problema, reducíndoo a un asunto de nenas. Esta consideración superficial revela pouco respecto e empatía coa dor allea, na medida en que obvia algo importante. Que? Que unha broma deixa de selo cando unha das partes non desfruta dela.

Te puede interesar