Opinión

ACOSO ESCOLAR

Sábese ben que iso tan importante que denominamos 'autoestima' depende, en gran parte, da educación recibida, mais, principalmente, do afecto que se nos teña dispensado no ámbito familiar. Reprender constantemente por medio de calificativos que implican un xuízo negativo -'es malo/a', por exemplo- ou, no seu defecto, perseguir a cotío a unha crianza con berros, xera unha falta de confianza, co consecuente sentimento de culpa, do que resulta moi complicado substraerse. Tamén a ausencia de referentes e a xustificación constante dun mal comportamento poden favorecer actitudes imperativas, insolencia e faltas de respecto, non só con compañeiros/as de clase, mais co profesorado. Algunhas rapazas e rapaces son capaces de padecer a persecución doméstica sen reproducir na escola tan deplorábel conduta e arrastran consigo unha especie de aroma que delata a súa 'calidade de vítimas'. Pola contra, outros/as hai que si emulan este modo de dominación nas aulas.


Parece que, dependendo do temperamento da persoa, algúns viran vítimas e outros verdugos. Curioso, si, pero moi triste. O caso é que, a día de hoxe, o do acoso escolar inquieta a toda a Comunidade Educativa. Lóxico. Como para non preocuparse! Hai anos, se alguén da clase insultaba a un compañeiro ou compañeira ninguén facía ren. Se non che deixaban xogar porque algún 'listillo' ou 'listilla' consideraba que non eras suficientemente 'guai' -signifique isto o que signifique- o que tocaba era defenderse ou, no peor dos casos, aguantalo estoicamente. Co que non contabamos era cun psicólogo ou cunha boa orientadora no centro que nos botase unha man. Viviamos nunha especie de cidade sen lei onde ninguén caía na conta de nada. Por iso o acoso non tiña consecuencias para quen o practicaba. As que estudaban dicíanlles 'chaponas' a berro limpo, para que toda a vila soubese de tan execrábel delicto. Iso sen contar co arsenal de insultos relacionados co físico como 'gordo/a', 'fronte de autopista', 'cona pocha'... Pasar parte da infancia, ou da adolescencia, cunha sensación de incomodidade ou disgusto nas aulas é o berce dunha predisposición a angustia que, un bo día, asumimos como consubstancial á propia persoa. Digamos que, o subconsciente, remata por aceptar que somos culpábeis de non resultar máis simpáticas, poño por caso. Por todo isto creo que o maltrato, en tanto que violencia, cómpre ser erradicada definitivamente do ensino se non queremos ter máis disgustos.


Algunha forma haberá de facelo, pois vivir con ese medo constante a ser menosprezados e ridiculizadas por toda a caterva de brutalláns e brutallanas odiosos/as ten de ser insufríbel. Durísimo para unha persoa en proceso de formación cuxa única responsabilidade é a de ser sensíbel. Moi forte para aqueles que adoitan amosar un certo 'amaneramiento en las formas' ou aqueloutras cun 'exceso de masculinidade', pois, sen piedade algunha, rematan sendo o 'maricón' da clase ou á 'marimacho' ou 'bollera'-antes 'tortilleira'- de turno. Infaustos días de gloria aqueles en que nos humillaron porque si e punto redondo.


Ningunha razón pode xustificar condutas tan vergoñentas, si explicalas. Búsquese entón, se se puider, a causa exacta en cada caso e abórtese esa violencia gratuita. Casos como o do suicidio da alumna do colexio Santo Ángel, de Gijón, non deberían repetirse. Tomamos ou non tomamos nota?

Te puede interesar