Opinión

Actrices operadas

Hai algúns días a actriz Uma Thurman -"As amizades perigosas", "Pulp Fiction", "Kill Bill"-, sufriu as burlas en internet pola presunta operación de cirurxía estética, que, segundo as imaxes, non a deixara moi favorecida. Días despois, nun programa de televisión, Thurman apareceu co seu aspecto habitual e explicou que todo fora cousa da maquillaxe.

Operouse? Podería ser. Porén, o asunto non é tanto que quedara ben ou mal desta operación, mais o efecto que isto tivo na sociedade e, por riba de todo, as causas que a poderían ter levado a ela e a moitas outras actrices a facelo. Se pensamos na expectación suscitada, por exemplo, faise penoso comprobar como a faciana desta muller, cunha traxectoria profesional bastante respectábel, conseguiu atraer tanta atención para ser analizada ao milímetro. Sen ningún pudor. Obviamente, no mundo do espectáculo a perda da perspectiva vén de vello. Xa ninguén se sorprende entón polas faltas de respecto. Eis o grave do tema, mestúrase todo e nin se sabe -nin interesa que se saiba- onde está o límite. Porque, algún destes listos, ou listas, dedicaron tanto tempo e atención á interpretación de Thurman en "Gattaca", poño por caso?

A pregunta, son sinceira, non só é retórica, mais capciosa. É que isto de meterse coas actrices de Hollywood que, ao chegaren aos corenta, deciden someterse a cirurxía, para ver, preferentemente, o mal que quedaron, cansa moito. Cansa, porque se incide continuamente na mesma imprecisión, isto é, que non asumen a idade que teñen. Falso! Se imos tratar esta cuestión, sexamos rigorosas. Nicole Kidman, Renée Zellweger ou Meg Ryan son conscientes dos anos que teñen. Agora ben, a razón pola viven isto con tensión haina que buscar fóra delas, no sistema patriarcal que constrúe un imaxinario profundamente sexista que coloca as mulleres maduras fóra da circulación. Por iso, agás algunha que outra actriz, como Marily Street ou Helen Mirren, poucas conseguen papeis a partir de certa idade. Eis a obsesión por parecer máis novas, para ofrecer o que saben que se busca e seguir traballando.

Parece que o actor Russell Crowe non concorda con isto e atribúe a responsabilidade ás propias actrices que pretenden interpretar a mozas sexis cando o que lles correspondería sería máis ben facer de mamás. Ou de avoas. E digo eu, por que non fai de avó Liam Neeson, no canto de aparecer nunha peli de acción, como un actor de trinta, el, que xa ten 62?

E non será que a vara de medir non é a mesma? Toda esta presión sobre as actrices maduras, este complexo que se lles crea, forma parte diso que o sociólogo Pierre Bourdieu denominou violencia simbólica, que consiste, basicamente, en facer sentir a unha muller que non ten nada do que se necesita para ser tida en conta. Daquela, non gusta aos homes, e moito peor, non ten dereito a desexalos. O amigo Russell Crowe, para a súa idade, aínda ten moito que aprender sobre este tema.

Te puede interesar