Opinión

Amores tóxicos

Non imos descubrir nada novo ao afirmarmos que o peor de moitas relacións sentimentais -concretamente entre homes e mulleres- instaladas na monogamia, é a mentira, coa axuda do autoengano dunha das partes, que, obviamente, non quere ver. Isto de non querer enterarse converte á vitima do engano en cómplice, pois, en certa maneira, acepta, co seu silencio, a trampa.

Daquela, para que un mentirán teña éxito na súa empresa é imprescindíbel que haxa outra persoa disposta a se deixar enganar. Estas cousas “tan humanas” -mentir, autoenganarse, celarse...- obedecen a un desexo de posesión, absolutamente egoísta, que non respecta a liberdade allea. Nunha sociedade patriarcal como esta nosa, os papeis están moi claros, pois na maioría dos casos é o home quen engana e a muller quen acepta isto e sofre en silencio o puteo. Até que non pode máis. Entón, estoupa.

Antes desta explosión, conste, vén a fatiga, porque o de sufrir tamén cansa. Nese momento, a esposa, moza ou prometida, comeza o seu labor de gardiá e vixía. Moito. Porén, non nos confundamos, a causa disto non é tanto por se intuír timada, como polo afán de control. Porque esa muller, que entregou tantos anos ao seu esposo, mozo ou prometido, é unha controladora que se sente derrotada. Así é que de inocente nada de nada. A día de hoxe, temos suficientes coñecementos para fuxirmos de relacións tóxicas coma estas.

Por iso, calquera muller, realmente emancipada, rompería un vínculo tan podre e faría fronte á situación, na medida en que é responsábel de ter calado ante as manipulacións bochornosas do mentireiro, que, con toda probabilidade, se dedicou, durante bastante tempo, á poligamia encuberta. Aceptar as infidelidades dun home, mirando cara a outro lado, cando realmente quereriamos unha relación monógama -non entraremos aquí no errado deste desexo, principalmente polo que ten de fantasiaso-, é sintomatico dun profundo machismo que induce ás mulleres sexistas a culpar a aqueloutras que se deitaron co seu home, sabendo, ou sen saber, que estaba casado, ou comprometido. Tratar directamente o problema coa persoa pertinente forma parte da resolución de conflitos. Buscar responsabilidades fóra contribúe a dilatar o proceso de desamor. A sufrir aínda máis. O machismo nos homes é lamentable. Nas mulleres, tristísimo.

Te puede interesar