Opinión

La barbarie

C'est un acte de guerre”, afirmou François Hollande, cometido “par une armée terroriste, Daesh”. Sen lugar a dúbidas estas palabras non resultaron nada tranquilizadoras. A continuación, explicou que se fecharían as fronteiras en Franza e declarou o estado de emerxencia. Pediuse entón á cidadanía francesa que ficase non seus fogares até nova orde e así o fixo durante as primeiras horas que seguiron ao atentado. A partir dese momento, os medios de comunicación centraron o interese nese acto de barbarie no que perderon a vida tantas persoas. Bataclán converteuse, en efecto, nun escenario absolutamente dantesco, algo que o país galo tardará en esquecer. Na opinión de Santiago Alba Rico, que parece coñecer ben o tema, fechar as fronteiras constitúe unha medida “puramente escenográfica destinada al consumo público”, pois segundo el explica, os yihadistas son franceses e están dentro de Franza.

Alba Rico considera que a violencia yihadista ten un importante fervedoiro na banlieu francesa, o que, ao seu ver, pode comprobarse no aumento de vendas en Franza do Corán, tras o pasado atentado de xaneiro, e o incremento de voluntarios que van a Siria, principalmente dende o país francés. Sendo isto así, cómpre ter presente que, alén de que os devanditos yihadistas non van de Siria a Franza, mais ao contrario, de Franza a Siria, en realidade esta última está entón a ser sometida a unha ocupación dobre. A interna, por parte do exército de Bassard Al-Assad, xunto cos seus aliados, e a varias ocupacións externas, entre elas a do EI, cuxos militantes son, na súa maioría estranxeiros e moitos deles occidentais. A conclusión desta análise de Alba Rico parece evidente: o atentado de París é un asunto interno francés. A cidadanía europea, concretamente agora a francesa, ten de saír desa nube de dolor, e asimilar que, probabelmente, o seu goberno, como aconteceu no Estado Español o 11 de marzo de 2004, introduciu nas súas vidas guerras e conflitos doutros países.

De acordo con isto, inocente non sería un adxectivo apropiado para describir a intervención francesa en Siria. É pois este atentado en Bataclán un acto de guerra, como afirmou François Hollande? Efectivamente, é un acto de guerra, mais non se produce sen máis. Hai detrás desa barbarie un odio que foi alimentado polas “intervencións militares” en Siria, co consecuente masacre. A inocencia é unha delicadeza exquisita incompatíbel coa cobiza e soberbia que nos gastamos en Occidente.

Apenas quedan pois inocentes por aquí. Todas e todos, en maior ou menor medida, permitimos a violencia contra Siria co noso silencio, ao mirarmos cara ao outro lado. Somos pois responsábeis dese desastre? Un pouco si.

Te puede interesar