Opinión

Burkini ou topless

Apolémica ao respecto da prohibición do burkini en Francia continúa. A moitas persoas do país galo non lles gusta que as musulmanas vaian cubertas á praia, así é que prohibir o seu uso parécelles o máis ético. Ao respecto disto de prohibir, considero importante facer unha seria reflexión. En que medida a prohibición é ética se limita a liberdade das persoas? Creo que tanto prohibir o uso desta prenda como a obriga de usala, constitúe un exercicio de imposición sobre os seus corpos. Do mesmo xeito, faise desprezábel que se intente controlar a práctica do topless, apoiándose na presunta vulneración dos dereitos daquelas e daqueloutros que acoden ás praias coas crianzas, que, polo visto, non poden ver os peitos dunha muller, porque a nudez podería ser contraproducente na súa educación. Escribo isto á raíz do ataque que sufriu unha xove francesa na praia de Chateneuf-sur-Charente por parte dunha familia que se sentiu ofendida ao vela sen a parte superior do bikini. A razón para esa “incomodidade” non foi outra que a de considerar incorrecta a presenza desta rapaza medio espida diante das súas fillas e fillos.

A reacción ante esa pretendida provocación foi unha paliza. Tanto as mulleres coma os homes desa benpensante familia francesa arremeteron contra a moza a base de puñetazos e patadas, diante do seu home -ao que golpearon dous tipos, mentres se agredía á muller- e das fillas. Cando remataron de lle dar esta “lección moral” -a letra con sangue entra, xa saben-, un rapaz quitoulle tamén a parte inferior do bikini, así é que a “provocadora” ficou completamente espida. Este exercicio de violencia gratuita, con afán didáctico incluído, pon enriba da mesa algunhas cuestións sobre a que cómpre meditar. Que é a verdade e quen son os seus axentes? É verdade que o corpo espido dunha muller constitúe unha ofensa, na medida en que amosa algo “inapropiado”  aos nenos e nenas que poidan andar polos arredores? Supoño que podo empregar o adxectivo “inapropiado” sen que se interprete nel un ton tendencioso, pois o único que intento é situarme nesas coordenadas, ao meu ver absurdas, ao respecto do que é correcto ou incorrecto, segundo esa e tantas outras familias, para comprender o berce da ira.  Até onde eu chego a entender, a orixe radica no feito de ver na nudez algo vergonzoso que hai que tapar. Entón, volven á miña cabeza esas musulmanas con burkini, ás que tamén se considera provocadoras, principalmente por facer algo distinto do que se fai nas praias occidentais, isto é, por ir totalmente tapadas. No medio desta reflexión, fico varada. Xorden en min novas dúbidas. Pregúntome, por exemplo, onde está realmente a provocación, na exposición dos peitos ou na ocultación total do corpo e parece que non avanzo moito. Acto seguido, chego a unha conclusión diferente. Refírome a que comprendo que a pregunta que me fago non é a que debería facerme. A pregunta sería máis ben outra distinta.     

Por exemplo esta: “Quen decide o que é correcto ou non?”. Ou estoutra: “Quen determina o que constitúe unha  provocación?”. E continúo co ronsel de preguntas, porque necesito entender tanta estupidez. Pregúntome, xa que logo, isto tamén: “Pode constituír un perigo para o desenvolvemento dun neno ou dunha nena ver ao natural un corpo espido?”. E isto:  “Onde está o perigo nesa nudez?”. E prosigo con estas cuestións, porque non desexo volver atrás. “Temos que decidir nós como deben ir as musulmanas á praia?”; “Debemos  interferir no seu proceso de empoderamento feminista?”; “Até que punto esa intervención, que as feministas musulmanas -que tamén as hai- non nos pediron nin lles gusta, implica unha práctica condescendente que reproduce os procedementos de dominación partriarcais?”. Sinceramente, creo que urxe reflexionar moi seriamente sobre a nosa prepotencia, porque iso de nos colocar nunha atalaia moral e decidir o que é verdade ou non, supón un retroceso para o exercicio da liberdade das persoas. 

Por que non poñemos mellor o foco na violencia explícita e simbólica que se exerce contra os corpos das mulleres?  Porque, sexamos honestas, dende un punto de vista didáctico, o contraproducente non é que a rapazallada vexa un corpo espido ou tapado, o contraproducente é que conviva con esa violencia gratuita inherente ás prohibicións e poida deducir delas o seu dereito a xulgar todo o que non se adapta aos seus costumes. Sen mínima empatía. A vergonza real é a ausencia absoluta de humildade que se agocha polo baixo dese tipo de xuízos moralistas.

Te puede interesar