Opinión

Carvalho Calero

Temos na literatura galega un territorio tan ancho que se fai difícil percorrelo enteiro. Se a isto lle engadimos a curiosidade pola literatura doutros países a dificultade aumenta. Como repartirse entre Cunqueiro e Virginia Woolf, por exemplo? Como se pode. Esa é a realidade. Nese intento ficarán sen ler moitas autoras e autores interesantes. Seguro. No entanto, cada sistema cultural -e isto é un asunto político- se ocupará de prestixiar os seus escritores, e, talvez en menor medida, ás súas escritoras. No medio de todo este percal industrioso, e, nalgunhas ocasións, intereseiro, suceden cousas imperdoábeis, desas que constitúen, ao meu ver, a vergonza dun país.

Permítome aquí, outra volta máis -xa o fixen noutra ocasión nesta mesma columna-, citar a Miguel Anxo Fernán-Vello ao respecto deste asunto bochornoso. Un país que non recoñece aos seus intelectuais -di o de Cospeito- é un país condenado á morte. A frase pode parecer altilocuente, pero non o é en absoluto. Fernán-Vello unicamente pronunciou o impronunciábel nalgúns ámbitos deste sistema cultural para defender a urxencia dun recoñecemento explícito da figura de Ricardo Carvalho Calero.

Non sei se se podería falar de ignominia, na medida en que este non-recoñecemento implica, en certo xeito, un descrédito para o sistema cultural galego, que, ano tras ano, “esquece” dedicar o Día das Letras Galegas ao escritor-lingüista-poeta-ensaísta de Ferrol. Porque non querer honrar a Calero-Apócrifa é a história/ com que alguns me encadeiam...- non constitúe tanto un oprobio para o autor como para aqueles que “se parapetan” nunha pretendida indiferenza, pois, ao faceren ostensíbel o seu menosprezo quedan eles propios deshonrados. Sobre todo se se pensa que si recoñecen a Valverde, malia a súa conivencia co ditador... Literatura, literatura, divino tesouro, tantas veces inmerecido, que flotas nas mans dos poderosos para achegarte a nós e bendecir as horas do noso letargo coa excelencia, entregadas ao que foi escrito. Nunca aos nomes. Bucear nos textos é un labor, por riba de todo, literario. O dos nomes é un asunto estritamente político, asociado á estética da recepción e a intereses pecuniarios, que, malia seren comprensíbeis -até certo punto-, non deixan de ser en exceso pragmáticos, e, en moitos casos, contraproducentes para o propio sistema cultural. Ricardo Carvalho Calero é un bo exemplo disto. Daquela, é normal que nos preguntemos onde foi dar o espírito daqueles eloxios dos días posteriores ao seu pasamento, malia a evidencia da resposta.

Triste ou patético? Triste e patético.

Te puede interesar