Opinión

CORCOESTO

Aterra é nosa', berraban no filme de James Cameron os na'vi -habitantes de Pandora- ante o ataque á vexetación do seu planeta por parte dunha colonia humana, instalada alí co obxectivo de obter 'unobtainium'. Na literatura, o 'unobtainium' é un termo empregado para describir calquera material que posúa propiedades extraordinarias, imposíbeis de obter no mundo real. No caso concreto do filme Avatar, trátase dun mineral supercondutor moi cobizado polos humanos. Eis a causa desa pretensión obsesiva de Parker Selfridge e mais do coronel Miles Quaritch de sacar adiante, a toda costa, a explotación mineira en Pandora.


A obsesión pola riqueza é unha das teimas da humanidade, dende a noite dos tempos, que, en moitos casos, redunda en beneficio duns poucos para prexudicar a maioría. Daquela, como a cobiza non desaparece, as historias de abuso repítense constantemente, non só na literatura ou no cinema, mais na vida mesma que, como ben sabemos, supera case sempre á ficción.


Situémonos pois en Corcoesto: núcleo de interese da compañía Edgewater. A intención pecuniaria é evidente, xa que logo, non trataremos de desglosar os obxectivos da empresa. Para que? Para constatar que o xénero humano é, ás veces, abxecto e miserábel? Non é necesario. No entanto, si interesa saber, por exemplo, que a Sociedade Galega de Historia Natural sacou xa, dende decembro, tres informes científicos que puxeron en evidencia a relación da contaminación por arsénico -atención!- en Anllóns, coa actividade mineira en Corcoesto. Na mesma liña, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, fixo público outro informe, realizado por catedráticos de Santiago e Vigo, que insiste no prexudicial desta explotación. Porén, á marxe destes estudos sobre as consecuencias nocivas deste proxecto que atenta contra o medio ambiente, cómpre recoñecer a importancia da presión da cidadanía que, o pasado 12 de xuño se manifestou en Compostela. Xuntáronse ese día 12.000 persoas na capital de Galicia para expresar o seu desacordo coa mina. Á raíz desta protesta popular, o Goberno da Xunta mudou a actitude de seu ao respecto do plan Edgewater.


Malia todo, cómpre non confíar demasiado nesta vitoria inicial, pois Edgewater 'ameaza' con poder cumprir os requisitos mínimos para pór en marcha o proxecto. Mentres, a loita na rúa continúa, porque a cidadanía galega sabe que a minaría non pode nunca fornecer un desenvolvemento sostíbel, na medida en que está baseado na extracción dun ben que existe en cantidades limitadas. Se permitimos esta explotación salvaxe, veremos, unha vez máis, como se rin na nosa cara. A empresa canadense chegará, arrasará e liscará a todo gas, iso si, moi moi arriquecida. De que me soará a min todo isto?

Te puede interesar