Opinión

O crime de Cuenca

O día en que a ían matar, Marina Okarynska pediulle á súa amiga, Laura del Hoyo, que a acompañase á casa do seu ex, Sergio Morate Garcés, o “presunto” autor do crime, para recoller un par de cousas na casa deste dexenerado. Seguramente o fixo, porque intuía que a cousa non resultaría fácil e pensou que, ao estar con outra persoa, el non ousaría montarlle unha escena violenta e trataría de ser un chisco cívico.

Marina Okarynska, de 26 anos, e Laura del Hoyo Chamón, que apareceron mortas ao pé dunha poza, non podían imaxinar que as súas vidas corrían serio perigo. Despois de varios meses, Marina supuxo que ese animal estaría máis calmado e de ningunha maneira presentiu que ía cometer un crime de tal calibre. Inxenuidade excesiva? Pode ser, mais isto non pode servir como escusa para culpabilizala por temeraria como, de certo, xa se ten feito por aí. Somos moi aficionados/as a xulgar. Demasiado, creo eu.

Marina quería comezar unha nova vida, lonxe deste depravado machista e considerou que tiña de se enfrontar, máis unha vez, a este tipo, para recoller as súas pertenzas. Con todo o dereito do mundo. Tendo conta disto, creo que non se pode desvíar a atención facendo comentarios imperdoábeis, sobre a falta de previsión por parte desta moza, porque iso implicaría convertela en responsábel da súa propia morte, e, xa de paso, da morte da súa amiga Laura, algo certamente ridículo.

Ela sabía que Sergio a maltratara, por iso cortou a súa relación con el, pero, inxenuamente, quixo crer que, desta volta, o sangue non chegaría ao río. Mais chegou. É difícil pensar que alguén con quen temos partillado cama e mesa poida facer algo asi. Tendemos a considerar que iso só lle acontece aos demais, porque nos parece incríbel vernos en tal tesitura. Sen dúbida algunha, Sergio Morates Garcés é un bo fillo do patriarcado, que non acepta negativas. Pretende das mulleres coas que sae dedicación exclusiva, porque se nutre da atención que lles esixe para esquecer o complexo de inferioridade que o atenaza. Marina saiuse do camiño que se lle impuxo. Desobedeceu. Por esa razón está morta.

Estamos pois ante un asasinato machista, como o de Laura Alonso, a rapaza de Toén, que tamén comezaba a rebelarse ante Javier Cruz. Tanto que a matou. Laura non foi entón todo o obediente que a esa alimaña machista de Cruz lle tería gustado. Isto, obviamente, o “incomodou” tanto que non puido evitar darlle “un mal golpe”. Daquela, fica ben claro que tanto Sergio Morates como Javier Cruz responden ao mesmo patrón. Ambos os dous pensan que as mulleres son a súa leira e non aceptan o rexeitamento, porque o seu natural fascista indúceos á pretensión constante de dominación. Forman parte dunha ideoloxía da masculinidade, na que a violencia está sempre presente.

Como moi ben explica Beatriz Preciado -autora, entre outros, dos coñecidos Manifesto Contrasexual ou Pornotopía-, este tipo de individuos manteñen relacións tanatopolíticas coas mulleres. Por iso as matan, porque nunca concibiron o diálogo como parte imprescindíbel dunha relación amorosa. Para que dialogar se o que lles interesa é ter o control, o poder absoluto? No que levamos de ano, producíronse, aproximadamente, unha vintena de asasinatos machistas. Obviamente o sistema de crenzas tradicional, sustentado no patriarcado, produce violencia. Haberá pois que construír outro diferente, indo á raíz. Cal é esa raíz?

Te puede interesar