Opinión

O crime de Santoalla

Que fai que chames a un sitio casa, e que significa?”. Esta foi unha das preguntas que se fixo o norteamericano Andrew Becker ante un público certamente interesado polo seu documental, Santoalla. Tanto Becker como Daniel Meher, que levaron ao cabo este proxecto cinematográfico co apoio na produción da ruesa Cristina de la Torre, presentaron Santoalla nestes días, no Festival de Cinema de Edimburgo. E parece que foi ben, que tivo unha boa acollida.

Supoño que este tipo de crimes carecen de nacionalidade. Refírome a que poden producirse en calquera lugar, con independencia do país ao que pertenza ese lugar. Por insólito, duro e irracional que nos pareza, o crime nace do odio, da ira, dun desexo irrefrenábel de prevalecer sobre outra persoa. Ao prezo que sexa. A Martin Verfondern matárono por iso, por ocupar un espazo, que, segundo a visión dos acusados, non lle pertencía. Martin tiña unha idea ben diferente. Máis aberta e solidaria. Concienciado co coidado da contorna preocupouse polo desleixo da aldea, polo lixo que se tiraba sen tino ningún, polo monte comunal. Isto incomodou á veciñanza, conformada por unha única familia, que, despois de tantos anos nese lugar, cre ter certos dereitos sobre el. Iso de “Que fai que chames a un sitio casa, e que significa?”, paréceme unha pregunta interesante. Algunhas persoas dirán “casa” para referirse á propia vivenda. Fixo.

Mais de irmos até o fondo da cuestión, seguramente matizariamos. Diriamos, por exemplo, algo así: casa é o espazo no que podemos sentirnos arte e parte. Por iso sempre arelamos volver. Nesa “casa” a violencia non ten sentido, porque o que prevalece é a harmonía. Digamos que aqueles e aqueloutras que a habitan partillan a mesma vibración. Martin Verfonder sentiu algo así ao ver Santoalla. Pareceulle que podería ser o seu fogar. O del e a da súa compañeira, Margot Pool. Daquela, ficaron alí porque sentían que podían ser arte e parte. Non lles deixaron. A furia contida da veciñanza foise instalando na aldea.

Así é que nin arte, nin parte. Martín Verfondern foi asasinado con vileza. Ás agachadas. No entanto, a mentira ten as patas curtas, xa se sabe. Así é que, agora, esa historia terríbel que tanto Julio Rodríguez como o irmán, Juan Carlos Rodríguez, quererian silenciar, é coñecida tamén en Edimburgo. E, de seguir a cousa así, axiña o será noutros moitos lugares. Supoño que para as persoas que adoitan “mirar cara ao outro lado”, por se resistir a crer as cousas terríbeis que suceden ao seu redor, isto tenlles que caer enriba como un xerro de auga fría... Se é que xa o di o refrán: quen non quere unha cunca, leva sete.

Te puede interesar