Opinión

Cuestión de mal gusto

Opinión

Cuestión de mal gusto

Sabemos que hai xeitos diferentes de explicar a outras persoas aquilo no que acreditamos. O idóneo é facelo mediante a exposición do noso punto de vista con argumentos -cadaquén os que sexa capaz de elaborar, a partir dos seus coñecementos-, respectando os tempos de intervención de cada participante. Daquela, escoitar o que nos din con atención é imprescindíbel para responder despois. A nosa resposta pode recoller entón parte do discurso pronunciado previamente, e, se é o caso, aceptar o que nos parece interesante e rebater aquilo co que non concordamos. Até aquí, penso que todo o mundo estará de acordo. Porén, malia coñecermos ben a “teoría”, non sempre a levamos á práctica.

Ás veces esquecemos algo realmente importante nunha discusión: o respecto. De que maneira se reflicte isto nese proceso de confrontación de ideas? Pois, polo que se observa nalgúns medios de comunicación e redes sociais, no emprego dun ton claramente prepotente, ou, no peor dos casos, a través da descalificación persoal. Por que razón sucede isto? Algúns pensarán que a causa non é outra que a ausencia absoluta de educación. Outras, máis minuciosas, considerarán que se debe a un “complexo de superioridade”, que, aos ollos de quen o padece, dispensa certa lexitimidade para rebaixar ao/á “contrincante” e preservar así ese lugar alto dende o que cre falar. No que talvez coincidamos todas e todos é no feito de que eses insultos obedecen a un tremendo mal gusto. Sen dúbida.

O caso é que poucas veces se contempla realmente ese debate, discusión ou contenda verbal, como un encontro de opinións que nos permita dar coa chave para chegarmos a acordos, no mellor dos casos, ou para vermos o fallo das propias consideracións. Sen pretensión ningunha de “boísmo”, paréceme que este tipo de comportamentos violentos, ademais de pouco racionais, son profundamente tóxicos, na medida en que vulneran a dignidade das persoas ás que se descalifica.

Percibir que sabemos máis dun tema, que o coñecemos en maior profundidade, non serve como explicación -moito menos como xustificación- deste tipo de ataques gratuitos. É máis, precisamente por termos consciencia de que o noso coñecemento sobre o asunto que se discute é maior que o do resto de participantes, a flexibilidade mental tería de aumentar tanto e con tanta forza que non só a propia argumentación resultaría clara e brillante, senón que endexamais contemplariamos a descalificación como posibilidade de “ataque”. No entanto, moitas veces sucede, pois, malia sabermos que temos argumentos para defender as nosas ideas, perseveramos no mal gusto de insultar, elevar o ton de voz e facer aspaventos.

Por que? Que sucede na nosa cabeza cando adoitamos manter este tipo de actitudes penosas? Moi simple: queremos prevalecer. O noso ego é feble, carece de fortaleza e axiña se sente cuestionado. É el quen nos provoca e atorde, quen nos fai ver todo en clave bélica. Así é que ese complexo de superioridade que incita á prepotencia ás veces e á condescendencia outras, é falso. Está sempre en relación directa co seu oposto, un complexo de inferioridade, que, obviamente, necesita saír de aí. E como sae? Por medio do abuso, para trasladar aos demais esa inseguridade que o atenaza. As persoas que buscan aprender, coñecer e avanzar, non soen dar leccións gratuitas, nin proferir improperios. Disfrutan da arte da conversa, porque para elas é unha arte dialéctica, e consideran a amabilidade e respecto un valor imprescindíbel. A vaidade, pola contra, é unicamente unha febleza que nos somete e escraviza.

Te puede interesar
Comentarios