Opinión

Cuestión de respecto

O xénero humano forma parte do mundo natural, do mesmo xeito que a flora e a fauna. O de estarmos por riba é unha necidade coma tantas outras. Aquí, neste planeta, todo o que nace perece nalgún momento, polo menos até o de agora. Daquela, morremos nós e morren os paxaros. Tamén as plantas. E os lobos, malia pareceren tan fortes. Mesmo morren os tigres, a pesar do seu vigor. 

E que dicir do xeranio, esa planta doméstica tan popular nos balcóns das casas? Acaso non morren os xeranios? Pois claro que si. Morren coma nós, que, nalgúns intres, chegamos a a un estraño delirio de inmortalidade, coma se esa consciencia de ser, non tanto por sentir a vibración do mundo, mais polo de facérmonos visíbeis para os demais, isto é, por estarmos presentes, nos colocase nun chanzo superior. O xénero humano é vaidoso. Soberbio, incluso. 

Por esa razón, ten a boca tan grande para falar de respecto á vida, referíndose, fundamentalmente, á humana. Porque claro, a quen lle vai importar o que suceda a membros doutras especies? A poucas persoas. Se importase, non se verían, como de feito se ven, cadáveres de gatos, poño por caso, pola beira da estrada sen que ninguén se ocupe de os enterrar. 

Que pasaría se, no canto dun felino, atopásemos corpos inertes de mulleres ou de homes? Seguramente fariamos algo, porque o que lle aconteza ás persoas si nos parece relevante. Somos así de prepotentes. 

Tendo conta disto, desta crenza absurda de que conformamos a especie máis importante, a que máis conta, non sorprende que pretendan sacrificar a Excalibur -o can contaxiado polo Ébola-, no canto de illalo, como fixeron coa dona e mais co dono. Ou é que amosariamos o mesmo sangue frío se sacrificasen a Teresa Romero e o seu home? Imaxínese a noticia seguinte: “Teresa Romero, a enfermeira contaxiada de ébola, vai ser sacrificada, xunto co seu home, para evitar a expansión da enfermidade”. 

Non nos parecería este noso mundo un lugar de loucas e tolos de suceder cousas coma esta? Seguramente si. Pero vaiamos máis ao fondo e pensemos no comportamento do can ante ese asunto. 

Que faría Excalibur ao ver que intentan matar ás persoas que máis quere? Abofé que as defendería, porque os cans e as cadelas, eses compañeiros e compañeiras de camiño, si saben o que significa a palabra amizade, malia non a teren pronunciado xamais. Nisto tamén son mellores ca nós, que abusamos tantas veces dese vocábulo en beneficio propio. Como non comprender entón a mensaxe de Javier L. R.

Te puede interesar