Opinión

Declaracións polémicas

O feminismo é un moda. Iso foi o que dixo a actriz Blanca Suárez. Por moitas voltas que lle dea a súa representante, que intentou xustificala, como puido, asegurando que “es una mujer feminista” e que esas declaracións virían “a colación de algo”, así é que, polo tanto, “habrá querido decir que es un tema que está en boca de todos” porque “Ella no piensa de esa manera tan simple"...  Isto aconteceu a semana pasada nunha entrevista que a actriz concedeu a Europa Press e que, obviamente, deu moito que falar. 

Como non ía ser así, despois de tantos anos de loita para acadar os dereitos que nos merecemos? Reducir o pensamento feminista a unha moda é absurdo e merece un toque de atención en toda regra. Entendo que a súa representante quixese defendela, porque non lle interesaba que quedase en mal lugar, mais quedou. Aí están as declaracións de Blanca, para quen teña a vontade de as ler.

Transcribo as súas palabras: “Estoy absolutamente de acuerdo en que es una moda, creo que ahora mismo hasta hacemos camisetas. Creo que esto es algo que está muy bien que cobre fuerza porque nunca está de más en temas que no terminan de resolverse del todo, aunque se ha avanzado mucho, prefiero ver esa parte pero creo que esto viene de hace años, por muy de moda que esté ahora, pues lleva muchos años”. Que se fan camisetas? Que se avanzou moito? A ver, situémonos, o feminismo é un movemento político, económico, social e cultural que se iniciou no século XVII, así é que, afirmar que é unha moda reflicte un profundo descoñecemento do tema. 

Daquela, creo que, por unha banda, iso de que “ella no piensa de forma tan simple”, faise difícil de defender, e, pola outra, o de que “habrá querido decir otra cosa” no o cre nin o apuntador. Se quixese dicir algo diferente, diríao. Diso podemos estar certas, porque alguén que ten plena consciencia da importancia da defensa dos dereitos das mulleres e coñece a historia do pensamento feminista, minimamente, non afirmaría nada semellante. Que acontece entón con Blanca Suárez e tantas outras persoas que adoitan soltar sandeces deste estilo? Pois que escoitan campás e non saben onde. Sen máis. 

Que agora se intente arranxar o tema, argumentando que a frase veu á colación de algo -todo o que dicimos vén á raíz dalgunha outra cousa- é tan absurdo coma as propias declaracións da actriz. Talvez a representante quería dicir que a frase foi sacada de contexto? Pois non podería afirmalo, porque se quixese o tería expresado xusto así. Especular sobre o que os demais pretenden ou non pretenden dicir é toda unha aventura. 

Se cada vez que alguén se expresa, ao noso entender inapropiadamente, pretendemos maquillar o dito, transformándoo radicalmente, o único que facemos é manipular a mensaxe de seu, e, xa que logo, mentir. Moito máis intelixente sería que a actriz se explicase en persoa, e que, no caso de caer na conta da estupidez desa afirmación, se retractase. Todas as persoas podemos meter a zoca. Non unha, mil veces incluso. Ninguén é infalíbel. Podemos entender iso, mais para algo está a humildade, para recoñecer os erros e continuar aprendendo. Que estamos aquí para iso, para vivir e aprender.

Te puede interesar