Opinión

Desmontando a Harry

A pasada semana, escribía eu nesta columna, sobre as “artes amatorias” estabelecendo unha distinción, importante e necesaria, entre un sedutor e un “baboso”. Facíao dentro das coordenadas habituais, as do patriarcado, que, obviamente, son as que imperan nos locais nocturnos. Porque nesa visión que eu ofrecía, intentaba explicar o que sucede cando un home se achega a unha muller para ligar con ela, e, no canto de se achegar con corrección, invade o seu espazo vital como corresponde a quen ten no propio imaxinario -machista, evidentemente- a penosa idea de que nós, as mulleres, somos a súa leira. E que fai un patrón nas súas propiedades? Moi simple: entrar sen pedir permiso.

O caso é que, como todo o que sucede con frecuencia, adoitamos interpretar como “normal”, actitudes penosas, porque dalgunha maneira a repetición das mesmas parece corroborar a súa naturalidade. Poñelas en cuestión, criticalas, denunciar o seu carácter sexista é visto, por quen se defende delas, como unha dramatización innecesaria. Innecesaria? Por que? Polo que ten, presuntamente, de excesivo analizar polo miúdo, o berce deste tipo de comportamentos? A verdade, non teño eu tan claro que indagar nas causas deste xeito rancio de “ facer a corte” sexa, en si mesmo, dramático. Nin sequera ridículo, porque é este adxectivo - “ridículo”- o que se infire desa valoración cando se afirma, con rotundidade, que é, en exceso, dramático denunciar isto como unha agresión.

Pero entremos en materia. Poñamos que falo de Harry. Ben, como se defende Harry destas acusacións? Pois Harry, simplemente, di que se esaxera, que non houbo invasión do espazo vital e que tampouco non houbo burla pola súa parte. Até aí, a cousa aínda pode entenderse, na medida en que é natural que Harry se defenda, porque a acusación que se lle fai, non é peccata minuta. Eu tamén querería defenderme, se me acusasen de algo así. No entanto, aprézase no discurso de defensa de Harry que non comprende ben o funcionamento destas “artes amatorias”, na medida en que a “deportividade” da que presume é ficticia. Por iso intenta, veladamente, acusar á muller que se sentiu agredida, de pouco sólida. Daquela, pretende cuestionar o desagrado que afirma sentir por se ver invadida no seu espazo persoal. Para facelo, Harry tira do imaxinario machista, máis unha vez, e aclara, entre paréntese, que talvez se el “fosse mais bonito, mais novo, mais alto, o conto cambiasse”. E se cambiase, que? Invalida isto o desagrado que a moza en cuestión di ter experimentado?

Cada persoa decide quen quere que lle toque e a quen quere tocar. En igualdade de condicións. E se a este desexo vai ligado unha apreciación da cuestión física, isto é, se nos gusta tocar e que nos toque alguén que nos parece máis atractivo que pasa? Ten menos validez a palabra desta moza porque prefira ter trato cun home que lle resulta máis guapo? Tal vez Harry non pretendía ser un agresor, mais a ela pareceullo, porque a incomodou moito. E tal vez Harry crese que, ao non ser tan “bonito”, tiña que facer uso da súa presunta simpatía para ligar, mais, talvez esa “simpatía” non teña de ser descodificada como tal por todas as persoas deste mundo mundial, porque existen mulleres, por exemplo, ás que o seu modus operandi non as pon, en absoluto, en boa disposición cara a el para eses menesteres erótico-festivos. E talvez Harry debería pedir desculpas? E moi importante, cantos “Harrys” existen? Bastantes. Están por todas partes. Na dereita, na esquerda e no centro. Saben eles que o son? Eu creo que non queren sabelo.

Os Harrys viven moi comodamente nun pa- triarcado que integra no seu código de conduta a agresión como unha técnica de ataque total- mente “inofensiva” nas súas “artes amatorias”. E, se calamos, aínda pode ser peor... 

Te puede interesar