Opinión

Día de muller

Sinto, daquela son muller. Con esta frase a poeta e ensaísta afroamericana Audre Lorde definía o que para ela significaba ser muller, negra e lesbiana. Interesante definición que foxe do intelectualismo para situarse no plano da condición humana que nos é propia, porque si, en efecto, somos humanas e estamos aquí para desenvolver a nosa vida como mellor nos pareza. Algunhas quererán ser nais, outras non. Haberá unhas poucas que se dediquen á praxe política e outras moitas que decidirán traballar noutros ámbitos -as artes, as letras, a artesanía, o campo...-, pero todas, sen excepción, desempeñarán algún tipo de labor moi loábel. Tristemente para nós, aínda non se nos recoñece como iguais. Si na teoría, mais na práctica isto non sucede. Eis a causa da existencia do Día Internacional da Muller Traballadora, que se celebra, cada ano, o 8 de marzo.

O ideal sería que non fose necesario termos un día coma este, porque iso revelaría que acadamos o estado idóneo de igualdade, ese no que toda a humanidade -mulleres, homes, tansexuais, gays, lesbianas, bisexuais e persoas non binarias- conviviría en harmonía, nun espazo libre de machismo. Que as diferenzas se asuman e acepten con naturalidade, sen as equiparar á desigualdade, faise urxente. É a igualdade ante a lei, e na práctica, o que interesa, non eliminar as devanditas diferenzas, que, por outra banda, tanto nos arriquecen. Que tedioso sería o pensamento único! Menos mal que unhas son negras e outras brancas! Menos mal que unhas son nais e outras non! E, menos mal, que unhas reproducen o esquema da familia nuclear e outras deciden vivir soas ou en grupo... Non creo que ningunha muller consciente queira que todas as demais pensen e sintan do mesmo xeito en que ela o fai, porque iso sería absolutamente empobrecedor. É coma se todo o mundo quixese facer estudos universitarios. Quen se encargaría entón de traballar nas fábricas? Por iso a definición da escritora Audre Lorde resulta tan reconfortante, na medida en que permite abordar a cuestión da identidade á marxe da consabida polaridade de xénero -home/muller- ao dar cabida a moitas outras persoas que, talvez, non se adscriban a ese esquema sexista pero que senten o que senten, e, precisamente por sentir, xa son. Chegaremos a ese nivel de sutileza mental algún día? A cousa non pinta moi ben, polo de agora. Sobre todo se pensamos nas mullerese asasinadas -preto de 18- no que vai de ano. Vivimos nun espazo caníbal, patriarcal e obsoleto que non presta atención ás diferentes identidades sexuais e persevera en poñer o foco na heterosexualidade. Para saírmos desta construción rancia e inutilizante, cómpre abrir a mente e amosar respecto polas identidades minorizadas.

A día de hoxe, ser muller, dadas as condicións de inferioridade nas que nos intenta situar o sistema, implica vivir unha opresión similar á dos colectivos de persoas que non representan “a norma”. Porque “o normal” neste lugar cavernario é ser home, branco e heterosexual.  Así de triste. Moito mellor nos iría se no canto de opoñer normal á anormal, ou normal á raro, opuxésemos frecuente a infrecuente. Nesta última oposición o compoñente moral desaparece, así é que o abano pode abrirse máis e ofrecer acubillo a todas as persoas, independentemente das súas diferenzas. Difícil? Talvez si, mais difícil e imposíbel non son sinónimos, afortunadamente. A utopía sempre está aí, lonxe. Por esa razón é tan estimulante, porque, ao procurala, conseguimos avanzar. Sempre cara á luz, obviamente.

Te puede interesar