Opinión

Educar adolescentes

Realmente, no medio de todas as cousas tristes que suceden ao noso redor, é ben de agradecer o sentido do humor. É que necesitamos rir de cando en vez. Se é a cachón, moito mellor. O xornalista catalán, Carles Capdevila, ten isto moi claro. Por esa razón ao falar da educación que pais e nais intentan inculcar ás/aos adolescentes, sabendo como sabe as dificultades que isto implica, faino sempre en clave humorística e consegue o que pretende. Arrinca de nós máis dunha gargallada. Porque convivir con adolescentes pode ser desquiciante, sobre todo se nos tomamos demasiado en serio ese pasotismo que manifestan constantemente.

A verdade, todo -ou case todo- o que di Capdevila, ao respecto do comportamento da rapazallada que atravesa ese período, é real. Coido que para aqueles pais e nais que se senten ao borde dun ataque de nervios -non é para menos, a verdade-, a causa desa bordería insultante que adoitan amosar sempre que poden e cuxa finalidade ben podería ser empoderarse, escoitar a Capdevila resultará reconfortante. Como abordar a un rapaz que chega para cear e nunca conta nada? Como xestionar esa lei do silenzo que parece querer impoñer negando calquera información que se lle pide? Hai que penalizar este secretismo?

A verdade é que ante as dificultades de relación que se presentan conforme as nenas e nenos se adentran nese tramo de idade, cabrearse, botar un berro ou proceder á penalización deses comportamentos que tanto nos disgustan, coas restriccións pertinentes que deste encontronazo se derivan, parecen o único realmente efectivo. Ou polo menos así se considera habitualmente. Ese ser humano en tránsito á vida adulta que vive na nosa casa e parece ter feito voto de silencio selectivo, merece ou non merece unha sanción? Como substraerse da ira que provocan esas borderías varias coas que intentan poñerse por riba dos/das adultos?. -De onde vés? -preguntan moitas nais ao seu fillo adolescente cando se retrasa. -De ningures- dirá el. -Pero, a ver, fillo, con quen estiveches? - -inquirirá a nai moi preocupada. -Con ninguén -poderá retrucar el cheo de razón. -Pero, que te pasa -insistirá a nai impaciente -por que andas tan serio? -. Nada. Que me ha pasar? -. Nesa tesitura, “ningures”, “ninguén” e “nada” son as palabras preferidas polo rapaz, que, con certeza, evita ser “descuberto”, porque, obviamente, está convencido de que cómpre ocultar algo que fixo. Ou simplemente confunde preocupación con cotilleo, que tamén pode ser. Conclusión? Canto maior curiosidade se amose, maior será o hermetismo.

E así con todo. O caso é deixar á vista ese espírito de contradición, que moi ben podería empregar -insisto-, para ter un sitio definido nese entorno doméstico, isto é, para significarse. Provoca fatiga só imaxinalo. Ou non? Ben, pois se un adolescente pode agobiar, pénsese no que supón ter conta de trinta nunha aula. Tremebundo, verdade? Se é que non hai nada como o vello método socrático de preguntas, para buscar a xustiza real. Poderemos pararnos un anaco e reflexionar sobre isto ou preferimos pasar de todo e delegar as propias responsabilidades noutras persoas? A Educación é cousa de todas e todos. Das nais e pais tamén.

Te puede interesar