Opinión

Eichann en Jerusalén

A expresión “banalidade do mal”, empregada na crónica sobre o xuízo a Eichmann -de 73 páxinas-, escrita por Hannah Harendt para a revista The New Yorker, publicada o 16 de febreiro de 1963, é xa un lugar común. No entanto, segue a suscitar interese. Que unha persoa gris e tediosa poida ser responsábel, tal foi o caso de Adolf Eichmann, dun crime contra a humanidade, faise, en principio, desconcertante. Só en principio, conste. 

A medida que afondamos na cuestión, comprendemos que, como di o refrán, quen cala outorga. E quen obedece, engadiría eu, corrobora. Eichmann foi, como moi ben reflectiu Hannah Harendt no seu ensaio “Eichmann en Jerusalén” -traducido ao castelán por Carlos Ribalta-, un tipo obediente. “A pesar de los esfuerzos del fiscal, cualquiera podía darse cuenta de que aquel hombre -escribiu Harendt- no era un monstruo, pero en realidad se hizo difícil no sospechar que fuera un payaso”. Esta visión sobre a condición ridícula do alemán encargado do transporte a campos de concentración e mais do exterminio de miles de persoas de orixe xudea, malia xerar, no seu momento, unha gran polémica, foi ben atinada. 

Harendt analizou minuciosamente a personalidade de Eichmann e isto permitiu ver que a complicidade de seu o convertera, entre outras cousas, no responsábel directo da Solución Final. A filósofa non deixou ningún cabo solto. Fixo así visíbel o autoengano inherente, por exemplo, ao propio eslogan nazi -“a batalla do destino do pobo alemán”-, inventado por Hitler e Goebbels. Segundo ela explicou, suxeríase nel que a guerra non era tal guerra, na medida en que a orixinara o destino, non Alemaña. Daquela, a batalla era unha cuestión de vida ou morte. Así é que os alemáns “debían aniquilar a sus enemigos o ser aniquilados”. 

Tendo conta da lucidez da análise de Harendt, era difícil aportar unha visión nova sobre Eichmann. Por ela soubemos que era mediocre, gris, obediente e mentireiro. Falsificou o seu curriculum, pois, como se puido comprobar, nin rematou o bacharelato, nin foi quen de obter o título de mecánico. Desas mentiras, inferimos o carácter narcisista de Eichmann, quen, dalgunha maneira, arelaba parecer mellor do que era. 

Tal vez o seu ingreso nas SS derivou dese intento de estar no lado dos vencedores, pois, ao seu ver -e ao de moitas outras persoas naquela altura-, o partido nazi ía camiño da gloria. Eichmaecesitaba xusto iso, unha certa dose de gloria ao seu redor para substraerse da mediocridade á que se vira abocado durante anos. É este retrato de Eichmann, realizado por Hannah Harendt cunha precisión de entomóloga, un estudo interesantísimo, que, de seguro, foi ben inspirador para o filme The Eichmann show. Nel podemos ver as imaxes do Eichmann real respondendo ás cuestións que se lle formularon durante o xuízo, en Xerusalén. A idea central da fita, dirixida por Paul Andrew Williams, é amosar o carácter pedagóxico dese xuízo, na medida en que, ao ser televisado, os crimes brutais cometidos polos nazis serían coñecidos por espectadores de medio mundo e da propia boca das vítimas. Consecuentemente, se meditaría máis e mellor sobre a natureza do mal, por tanto, sobre o abuso de poder e sobre o odio, sustentado, tantas veces, na color da pel, na relixión, no tipo de cultura... Mírese agora o caso de Palestina. Cal é a pregunta que nos vén á cabeza?

Te puede interesar