Opinión

Elías Portela / Knöorr

Escribir en galego é un acto político de resistencia. Son palabras do poeta Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981), que a prensa adoita definir como “un dos escritores máis internacionais da literatura islandesa”. Por que? Como pode ser que un poeta galego sexa definido deste xeito se é de aquí, de Galicia? A razón é sinxela, Elías Portela leva máis dunha década vivindo en Islandia, e, alén de ter recibido premios e publicado libros de poemas na nosa terra, tamén escribe en Islandés.

A Revista das Letras, do desaparecido Galicia Hoxe, coordinado por Antón Lopo e Monste Dopico, xa publicara, en xullo do 2010, textos seus ben interesantes, pertencentes ao libro Cos peitos desenchufados, cunha breve reseña na que se explicaba isto. E que era isto? Pois isto era simplemente que Elías Portela, en Islandia Elías Knöorr, fora recoñecido, nesa altura, pola revista británica Poetry Review, como un dos tres vates máis importantes do país nórdico. Un orgullo entón para a literatura galega? Certamente. Que un escritor de aquí, que adoita facer poesía na nosa lingua, consiga o respecto do público lector e mais da crítica nun país estranxeiro, no que se deu a coñecer co seu alterego Elías Knöorr, a través da rede, na lingua dese país, é algo que, como pouco, constitúe unha alegría para nós, e, por suposto, insisto, un orgullo.

Podería, neste momento tan doce, pasar de todo e dedicarse á celebración do seu éxito polo mundo adiante, mais, Portela ten moi clara a importancia do galego, así é que continúa a escribir e publicar tamén no noso idioma. Bazar de traidores, editado por Barbantesa, así o demostra. Naceu de pé o de Cangas? Poderíamos pensar que si, na medida en que pode desfrutar do privilexio que implica ser lido con paixón por tantas persoas de lugares tan diferentes sendo poeta. Porque ser poeta é, a día de hoxe, -vou recuperar aquí as palabras de Elías Portela/Knöorr- un acto político de resistencia, dada a escaseza de lectoras e lectores cos que contamos, non só polo “xénero literario” en si mesmo, mais, por riba de todo, pola lingua empregada, o galego.

Hai, neste país noso, un bo ramo de poetas, de certo excelentes, que non reciben esa atención dos medios, e, posibelmente, non a recibirán xamais, polo menos en vida. Ou no caso de a recibir, algo que sucede se son traducidas/os ao castelán, como moi ben explica Elías, pasan a ser considerados españois ou españolas. Triste? Bastante, si. Por iso creo que Portela/Knöorr naceu de pé e nós ben que o celebramos, pois, talvez, o que lle aconteceu, poida axudar a facer visíbel o pouco que se sabe neste país da literatura galega e a vergoña que isto implica. Cómpre aprender a valorar o que temos e facelo chegar a outros países, directamente dende aquí, dende Galicia. E, a poder ser, facelo mirando os textos, porque a literatura está aí, no que se escribe.

Te puede interesar