Opinión

Escasa calidad humana

Cando dicimos dunha persoa que posúe unha gran calidade humana, referímonos a que se observan nela certas virtudes que contribúen á felicidade colectiva. Aclaro que elixo o substantivo “felicidade”, no canto do tan desgastado “benestar”, por exemplo, pola rotundidade e intensidade que implica. Agora ben, cales son esas características que favorecen o ben común? A temperanza, por exemplo, coido que é unha delas. Tamén a xenerosidade, a discreción, a humildade... 

É que nos gustan as persoas amistosas, esas que abren a man, que saben escoitar e que non se empoleiran. Detestamos á fachenda. Gústanos entón a xente cordial e modesta, porque é confiábel e necesitamos confíar. A confíanza converte os estados de alerta en actitudes absurdas, delirantes. Somos máis felices cando confíamos noutras persoas, porque desaparece a tensión e isto axuda, poño por caso, a conciliar mellor o sono, que non é unha cuestión baladí! Durmir é un pracer imprescindíbel, dito sexa de paso. Supoño que nisto da importancia de confíar coincidirá a maioría das persoas que se decida a ler este artigo. Ben, pois como de relaxármonos se trata, cústame comprender, por que gran parte da cidadanía ourensá puido lanzarse a votar a Gonzalo Pérez Jácome. Que ten este político de confiábel? A verdade é que non consigo velo como un individuo interesante, nin próximo, nin amistoso. O de amistoso xa quedou claro no debate organizado polo foro deste xornal, ao calificar á candidata do BNG, Susana García, de “mosquita muerta” e “mala persoa”. Iso sen ter conta da frase “Imagínense que digo que esta mujer trabajó cinco años en una barra americana”, que o catapultou á palestra como un dos políticos máis penosos. Porque estes comentarios de Pérez Jácome, profundamente machistas, revelan unha personalidade pouco sólida e, polo tanto, bastante inmadura. Todo o contrario do que sería desexábel nun alcalde, pois ninguén quere que o represente un individuo pouco temperado e con tendencia ao insulto. 

Ademais, cómpre sermos relalistas, do mesmo xeito que o mentireiro fabula para xustas e inxustos, o faltón inxuriará a todo aquel/a que se cruce no seu camiño e supoña un obstáculo para conseguir calquera obxectivo. Porén, se estes comentarios non parecen suficientes para percibir non só a carencia absoluta de elegancia do Sr. Jácome, mais o ego avultado de seu, préstese atención a outras marabillas pronunciadas en evidente “estado de gracia”, como a que segue: “No tengo interés de ser el alcalde de Ourense por una cuestión de ego. Yo quiero ser el protagonista de cambiar esta ciudad”. Véxase o uso do pronome persoal “yo” após do latino “ego” e desa vontade declarada, abertamente, de ser “protagonista” das mundanzas da cidade. 

Curioso curioso. E digo eu, pero alguén lle preguntou se quería ser alcalde por egocentrismo? Porque se ninguén o fixo, xa saben o que di o refrán, “excusatio non petita, accusatio manifesta”.

Te puede interesar