Opinión

Escrita

Ando a ler dende hai algúns días un ensaio de Terry Eagleton bastante interesante ao respecto da cousa literaria. Titúlase El acontecimiento de la literatura. Creo que aínda non hai unha tradución ao galego, así é que, por esta razón, e porque non teño nivel de inglés suficiente, estou lendo o libro en castelán. Feita esta aclaración, supoño que se comprenderá que o cite na lingua de Cervantes. Procedo entón a traer a esta columna algunhas das frases que, ao meu ver, abren unha ventá para contemplar o feito literario dende unha perspectiva diferente. “El canon literario -afirma Eagleton- no se somete a ningún otro tribunal de juicio. Se confirma a si mismo”. Partindo desta realidade, “por qué, se pregunta Eagleton, no se debe poner en cuestión semejante proceder canónico?” Para manter, talvez, un determinado status e refrendar o paradigma de verdades que interesa conservar de xeito que o control da produción cultural siga no mesmo lugar de sempre, nas mans das mesmas persoas que, dende a súa particular atalaia, se convenceron a si mesmas de que están en posesión da verdade para decidir aquilo que paga a pena dar a coñecer? Interesante cuestión esta de se converter en xuíz todopoderoso e empalmarse -desculpen este verbo tan pouco elegante- no propio proceso.


Moi interesante, en efecto. A verdade é que isto de pensar a cousa literaria ten o seu aquel. Permite ver como no ámbito cultural hai quen se desenvolve, ás veces, con criterios conservadores que intentan preservar unha determinada visión das cousas, a súa. A emancipación lectora é un exercicio de empoderamento imprescindíbel que redunda nunha maior liberdade dos escritores e mais das escritoras. Isto é marabilloso, na medida en que beneficia a ambas as dúas partes. A autora escribirá o que desexe, porque non buscará adaptarse para recibir aprobación, e quen lea entrará nos textos sen se sentir dirixido en ningún momento. Os lectores emancipados non son idiotas, as autoras tampouco, así é que, como afirma o estudoso británico, saben perfectamente que non existe “ninguna ley que nos ordene tomar un texto como parece que desee ser tomado”. En definitiva, como di o refrán, “se che gusta ben e, se non che gusta, bótalle azucre”.

Te puede interesar