Opinión

Ética do mal

Oseñor Bungle envíache un saúdo”. Con esta frase, as nais alemás facían saber aos nenos e nenas que, dado o seu mal comportamento, un home chepudo aparecería no seu cuarto cun obxectivo semellante ao do noso sacaúntos. O de comelos talvez? Non podería aseguralo. Nunca vin o sacaúntos ese, malia ser ameazada algunha vez coa súa “visita”. O que si teño claro é que “portarse ben” evita problemas. Aquí e en Alemaña. A día de hoxe, o sacaúntos segue presente. Isto é ben interesante, porque permite ver o alcance desta figura como metáfora do medo. 

Existe un temor a dicir as cousas claras. Afixémonos, por exemplo, a falar de “conflito”, no canto de guerra ou masacre humana. Adoitamos empregar a palabra “baixas”, en lugar de mortos, amais de usarmos o termo “violencia” dun xeito maniqueo. Porque, dicirmos “violencia”, neste mundo estraño, remite directamente a “terrorismo”, ou delincuencia social. Nunca á perpetrada polo poder político para manter á cidadanía nun estado acrítico, abúlico e amoral. Porque é inmoral votar a partidos que propician a inxustiza social. A procesión dos caladiños ten unha responsabilidade grande en todo isto. Cómpre entón lembrar que hai tempo que somos adultos/as. Demasiado como para non recoñecer a nosa complicidade coa opresión. Non é violento, acaso, botar dunha casa a unha familia que non pode pagar a hipoteca con tantas casas deshabitadas como hai por aí adiante. Que son dos bancos? Vaia... Non sei por que esta “presunta ética” de respectar a propiedade privada sempre me pareceu un prurito, unha ridícula intención de neutralidade. Ridícula e cruel. Ridícula pola covardía que implica. Cruel, porque contribúe a vulnerar dereitos humanos básicos. 

Os políticos, banqueiros e empresarios viven na máis absoluta inopia. Pensan que van mercar a inmortalidade. A súa e a dos seus parentes. Afeitos á poltrona, estes causantes da desgraza allea, amosan -unha vez máis- aquilo que Ana Harent afirmou en “Eichmann en Jerusalén: Un estudio sobre la banalidad del mal”. Que o mal carece de profundidade. Só o ben pode ser radical. Así é que cando a clase política asegura que “cumpre co seu deber” tomando medidas drásticas para acabar coa “crise”, reproduce a actitude de Eichmann, que, ao longo do xuízo polos crimes contra o pobo xudeu -ese que agora, curiosamente, masacra ao pobo palestino-, non amosou sentimento de culpa. Nin antisemitismo. Simplemente dixo que obedecía ordes e cumpría a lei. Fixo o que se esperaba del. Contribuiu ao mal. Porque o mal existe.

Te puede interesar