Opinión

Falta de estilo

Existe un adxectivo en castelán ben antigo para facer referencia ás condutas groseiras, pouco refinadas, desagradábeis, e, en moitos casos, desapacíbeis. Refírome a “zafio”. De feito, o dicionario da RAE indica que o devandito adxectivo denota persoas toscas nos seus modais e propón como sinónimo “patán”. Que é un “patán”? Pois un “zafio”. Iso si, sempre que nos cingamos ao ámbito do Estado, porque en Chile, por exemplo, o cualificativo en cuestión significa preguiceiro, lacazán.

Daquela, insisto, se nos limitamos ao Estado español, consideraremos “zafio” a todo aquel que manifeste comportamentos bruscos e desapracíbeis, pouco propicios para o entendemento. O que en México denominan “huevón”, que tamén ten certa sonoridade e resulta ben máis gracioso. A verdade é que isto das palabras faise interesante. Polo de agora, levamos tres: zafio, patán e huevón. O que en francés denominarían “grossier”, “béotien”, “abject” e en inglés “coarse”, “rude” ou, o bastante máis evidente, “vulgar”, que tamén existe en castelán e francés: “vulgar” e “vulgaire”.

E en galego, que temos na nosa lingua para facer referencia ás condutas groseiras, vulgares, desagradábeis e desaprácíbeis? Talvez “basto”, “badoco” ou “pailán”? Estes tres valerían ben para definir un comportamento indelicado? Penso que si, que poderíamos valorar como desagradábel e basto un trato carente de amabilidade. Sobre todo cando a outra parte non o merece en absoluto, porque en todo momento fixo gala do bo gusto e mais do humor. De acordo con todo isto, paréceme que poderiamos cualificar a actitude de Julián Ruíz coa xornalista da Radio Galega, Crístina García, de zafia, vulgar, huevona, basta, groseira, descortés... Iso de cortar a entrevista cun ataque directo ao idioma galego, para fuxir dunha pregunta que o incomodaba, alén de ridículo faise groseiro, ademais de deixar clara a pouca visión de seu. “De momento -dixo Ruiz antes do colgar o teléfono, cun ton algo autoritario- no me gusta nada que me hables en gallego” e engadiu ameazante, que, dado que non se lle preguntaba polo que el quería -o seu libro- daba “por concluída la conversación”. Cristina García, a xornalista, cun sentido do humor loábel, respondeu entón, que quen daba “por concluída a conversa” sería ela, deixando claro o seu asombro, porque era “a primeira vez” que alguén se queixaba por ese motivo. E aí rematou a entrevista. Seguramente das máis curtas que se fixeron na Radio Galega. Tamén das máis absurdas.

Será que Julián Ruiz non comprende o noso idioma? De ser así, sen ningún problema lle farían a entrevista en castelán. Sen dúbida! Ou é que a súa capacidade de comprensión lingüística diminúe cando se lle pregunta por algo que non lle apetece responder? Porque se non quería contestar, con repetir que non lle interesaba tratar o tema estaba a camiño. En todo caso, cómpre suliñar que non é esta a primeira vez que Ruiz amosa unha actitude pouco respectuosa.

Xa no 2012 o Celta de Vigo emitiu un comunicado no que cualificaba un artigo seu de “ataque inxustificado” ao club e ao celtismo. O devandito comunicado facía referencia a algo que Ruiz escribira no seu blog. Concretamente isto: “Logo está o paletismo do ardor nacionalista do Celta, que nunca se repite contra o Barça, porque é outro tipo de independentismo”. O dito nun principio, un comportamento propio dun “zafio”. Zafio por brusco, desagradábel e pouco elegante.

A mala educación pode darse en calquera lingua. Iso quedou ben claro. Ruiz escolleu o castelán. Aí queda iso.

Te puede interesar