Opinión

Feminicidio

Traio aquí o escrito na reportaxe de Sermos Galiza, ao respecto da violencia machista: “A Lei Orgánica para o tratamento integral da violencia de xénero só considera violencia machista aqueles casos en que existía unha relación afectivo-sexual entre ambas as dúas persoas, tivese esta ou non rematado”. Como se pode observar, existe no escrito un adverbio chave, “só”. Que podemos inferir do emprego dese “só”? A cousa está moi clara, ese “só” implica unha valoración negativa sobre a consideración do que é violencia machista por parte do Estado español, na medida en que se pensa que existen outros casos que si deberían estar incluídos na devandita consideración. Concordo plenamente con esta opinión.

Creo que, a día de hoxe, visto o visto, e sabendo que vivimos inseridas nunha sociedade sexista da que intentamos saír para dar paso a outra ben diferente, máis igualitaria e respectuosa coas mulleres, o machismo non só se reflicte nas relacións que pertencen ao ámbito íntimo, rematadas ou non, mais tamén nas que pertencen ao ámbito público. Segundo isto, debemos considerar que se exerce violencia machista no ámbito laboral, por exemplo, ou en calquera outro -cultural ou político-, sempre que exista unha relación de poder na que o home se sinta en condicións de superioridade sobre a muller non considerándoa pois unha interlocutora válida, de xeito que se permita, poño por caso, silenciar o seu discurso, colocando a súa voz por riba da dela. Ninguneándoa, para que nos entendamos.

Isto que acabo de describir, considerado xa por moitas persoas preocupadas polo tema -homes incluídos, porque os hai, é xusto facelo constar aquí- un micromachismo, forma entón claramente parte do círculo de violencia que as mulleres padecemos a cotío e que, por ser máis sutil, non resulta facilmente visíbel. No entanto, esta “invisibilidade” -non hai máis cego que o que non quere ver...- non é, nin pode ser, sinónimo de inexistencia, porque si existe e está aí, diante dos nosos ollos. Os de todas e todos. Tanto é así que, no peor dos casos, podería ter un desenlace fatal. Daquela, o adverbio “só”, empregado nesa información citada ao principio, é ben acaída, porque, se prestamos verdadeira atención, poderemos comprobar que a escasa concienciación da clase política ao respecto do grao de gravidade da situación que se pretende revelar co uso dunha palabra tan sinxela, é non só importante, mais necesario.

A redución da violencia contra as mulleres ás relacións de parella deixa fóra as agresións, que noutros países si son consideradas crimes por razón de xénero. Daquela, ante a morea deles que hai cómpre introducir, como moi atinadamente propuxo Carme Adán, un novo termo no nosa lexislación: feminicidio. Neste termo quedarían incluídos os crimes cometidos por homes contra mulleres, por razón de xénero, sen que para iso teña que existir, ou ter existido, unha relación íntima.

Un exemplo disto sería o caso de Adela Lopez, de 72 anos, que foi asasinada polo seu xenro, e que formaría parte do que se considera feminicidio por conexión, isto é, asasinato dunha muller situada na “liña de fogo” dun home que intenta, mediante ese asasinato, exercer o seu dominio e causar un dano grande non só á vítima, mais, con toda probabilidade, á filla da mesma coa que tivo, ou ten, unha relación íntima. Do mesmo xeito, pódese considerar feminicidio por conexión o caso o de David Oubel, de San Martiño de Moraña ( Pontevedra), que matou ás dúas fillas cunha radial para facer sufrir á súa exparella a quen, de certo, matou en vida.

Te puede interesar