Opinión

O final do camiño

Logo dunhas imaxes do mar, seguido da visión dun poboado, podemos ler un dato importante: Catoira, 1075. Así comezaba a serie O final do camiño, que cativou o público xa dende o primeiro minuto. A partir desas imaxes iniciais, temos acceso á primeira escena: unha nai cos seus fillos no interior dunha vivenda. É esta unha escena tenra que reflicte unha parte do que presumimos podería ser un momento cotiá na vida dunha familia humilde nesa época. Despois, comeza a acción: un ataque ao poboado da man dos que, naquela altura, chamaban sarracenos. No devandito ataque, a nai dos rapaces é asasinada á vista deles. Entón, de socato, aparece o bispo Peláez cos seus homes para defender os habitantes e leva con el, ata Santiago, a dous dos nenos, Esteban e Gonzalo. O outro, Pedro, é raptado polos sarracenos. A continuación hai un salto de dez anos e xa comeza a trama, que se relata ao longo de oito episodios.

Esta produción laboriosa suscitou grande interese na audiencia, o cal faise esperanzador para este país noso, que, certamente, posúe unha historia propia, non moi coñecida da cidadanía, cuxa realización cinematográfica permite facer visíbel, como vimos de comprobar tras este éxito rotundo. Talvez O final do camiño poida servir para abrirmos o paso a outras propostas televisivas na mesma liña? Alberto Gundín, un dos guinistas da serie, considera que a loita dos Irmandiños, por exemplo, ou o acontecido co wolframio durante a II Guerra Mundial, serían ben interesantes tamén para levar á pequena pantalla. De feito, Carlos Barros, profesor da USC, especialista na Galiza Irmandiña, opina que esta revolta está aínda sen tratar como é debido e leva moita razón, pois, como el mesmo explica, foi “un acontecemento crucial” na historia de Galiza. Daquela, conviría levala á televisión, ou ao cine, en efecto. O problema disto, coma sempre, é de carácter pecuaniario. Que non hai quen a produza, polo de agora. No entanto, segundo Barros, pode que a situación mude e se faga algún día. A verdade é que sería fantástico que isto acontecese, porque, xa se sabe, a televisión é un medio que chega a moita xente, así é que facer unha serie da temática irmandiña permitiría que esta parte da nosa historia fose coñecida por un maior número de persoas, algo que cómpre ter presente no momento das potenciais negociacións.

En definitiva, que os resultados foron excelentes e que isto debería servir para continuar nesa liña e investir en proxectos similares. Por que non intentalo? Quen non arrisca, non gana...

Te puede interesar