Opinión

Guerras

Horríbel. Eu non quería continuar a falar do masacre do pobo Palestino porque sei que existen outras guerras que tamén é necesario denunciar. Estou a pensar, por exemplo, no pobo tibetano que loita, dende hai anos, pola independencia de China que, empurrada polo afán colonizador, queimou textos relixiosos, dinamitou templos e esterilizou mulleres. Pero podo pensar igualmente no caso do Congo onde Hutus e Tutsis viven en loita permanente mentres que a ONU envía cascos azuis a Goma en misión de paz e non soluciona nada. Así, a propia poboación local afirma que actúan coma simples turistas. E, claro, todo isto sen facer mención da explotación clandestina por parte de distintas multinacionais de países desenvolvidos como EE.UU., Bélxica ou Inglaterra, entre outros, dos xacementos de ouro, petróleo, diamantes ou coltán.


Esta crítica ao abuso de poder e a hipocrisía occidental é urxente como tamén o é a da ineficacia da ONU para resolver calquera tipo de ofensivas militares que impliquen o exterminio de poboación civil inocente. Así, habendo como hai tantas guerras polo mundo adiante que non debemos esquecer e, rexeitando como rexeito o populismo antibelicista, querería escribir sobre outro tema menos molesto. Daquela, comentar que Penélope Cruz non recibiu o Globo de Ouro por ‘Viky Cristina Barcelona’ ou que Soraya é agora cronista no absurdo programa de Tele 5, ‘Hombres, mujeres y viceversa’ (creo que este é o seu nome), serían dúas opcións válidas para evitar mostrar unha posición política clara ao respecto, algo que, evidentemente, sempre pode provocar suspicacias.


Mais entre querer e deber hai unha diferenza importante. Moitas veces o que queremos non é o que debemos facer. Así que, tendo en conta como están as cousas en Gaza e, sen pretender caer no devandito populismo antibelicista que leva a moitos e moitas a defender o que convén pensando máis en si mesmos que nos cruentos crimes que se están a practicar, debo insistir na denuncia desta guerra, non por considerala máis grave que as outras, pois todas as guerras teñen igual gravidade, senón máis ben pola raiva que provoca a actitude do Estado de Israel reflectida nas palabras do portavoz do exército israelí, Gabriel Castellán, que, nunha entrevista en RNE, insistiu en cualificar de éxito a operación militar levada a cabo en Gaza. Segundo el mesmo afirma os obxectivos non eran civís, xa que logo debemos deducir que simplemente atinaron e matáronos. Así, como quen non quere a cousa! Polo tanto en Gaza, coma no mellor dos westerns de Clint Eastwood, pasar polo medio das rúas é unha ousadía pois, nese inferno provocado polos covardes, camiñar é un delito. Está claro, Hamas é a escusa e o territorio Palestino unha das causas. Porén hai outras razóns coma os bens en concepto de axuda humanitaria que chegan a Gaza xerando divisas que, polo de agora, permanecen no Banco dos Invasores (gústame chamalos así esencialmente porque invaden). De aí a destrución dos túneles que abastecían a marxe dos pasos fronteirizos. Iso sen ter en conta os cartos que se recibirán para a reconstrución de Gaza e que loxicamente pasarán a mans do Estado de Israel. Así que, coma todas as guerras, esta é un negocio. Horríbel.



Te puede interesar