Opinión

Harold Bloom

Que Harold Bloom diga que non existe na literatura contemporánea nada “radicalmente novo” non me sorprende en absoluto. Non porque coincida con el, mais porque, despois do seu traballo “El canon occidental”, publicado en 1994, non esperaba outra cousa.

Hai moito tempo que Bloom decidiu a necesidade de determinar que libros merecen o título de clásicos e cales non. Iso si, sempre tomando como referente, no seu caso, a Shakespeare. Á marxe dunha perspectiva insuficiente, pois non pasou tempo dabondo, e do carácter subxectivo do seu gusto, a defensa que fai da canonización tampouco é radicalmente nova.

Escribo isto pensando, por exemplo, no escrutinio que o cura e mais o barbeiro fan na biblioteca de Don Quixote, no capítulo VI da I parte, para escoller que libros queimar. Aí podemos coñecer os gustos de Cervantes a través das valoracións destes dous personaxes, que, obviamente, se senten capaces de decidir se, poño por caso, o Amadís de Gaula, Las sergas de Esplandián, El caballero de la Cruz ou Florismarte de Hircania posúen a calidade suficiente ou non. I é que ser “radicalmente” novo é difícil.

Até para Bloom. Outro caso ben diferente é o da Escola do Resentimento, como el adoita chamar á crítica literaria feminista e postcolonial, que, moi atinadamente, penetrou no aspecto patriarcal inherente aos textos canónicos, non tanto para acusar como para desvelar un fragmento da realidade oculto, que influiu nos autores e autoras. Daquela, ao meu ver, estudos como os de Susan Gubar e Sandra Gilbert -La loca del desván: escritoras y la imaginación literaria del siglo XIX-, entre outros, si poden ser considerados radicalmente distintos, malia que Bloom, ao priorizar o estético asociándoo á idea do sublime, non os valore na súa xusta medida. Agora ben, Gubar e Gilbert, a pesar de ofreceren unha visión distinta da habitual ao respecto do feito literario e mais da literatura en si mesma, non son, strictu sensu, novidosas.

Virginia Woolf xa anticipara parte deste discurso no seu ensaio Un cuarto de seu. I é que unha cousa é ser orixinal e outra ser novo. O orixinal parte de algo xa existente, porque o seu berce é a tradición. Faise entón difícil a orixinalidade na literatura sen coñecer aquilo que foi escrito antes. Axudará o paso do tempo a ver todo este asunto con maior claridade? Esperemos que si.

Te puede interesar