Opinión

Harry está sucio...

Vai xa unha morea de anos da historia de amor entre Harry e Sally -Cando Harry bateu con Sally, 1989-, unha historia tediosa, dito sexa de paso. Tediosa pola chea de tópicos, que, se ben nos noventa puideron arrincar un riso ás espectadoras, a día de hoxe suscitan canseira. Se até o propio Disney comeza a ofrecer unha imaxe diferente das mulleres e mais do amor, como non experimentarmos fatiga ante actitudes sexistas francamente extemporáneas? Aí está Maléfica (2014). A inmensa Angelina Jolie aparece gloriosa na ira, incitante e sensual no desexo, incendiaria na súa resposta á traición. Rotunda tamén. E contundente. E directa. Maléfica representa un novo tipo de muller, que non busca realizarse a través do amor romántico. Tampouco non do concepto tradicional de familia. Non se definirá pois como “nai de”, “avoa de” ou “filla de”. Moito menos como “esposa de”. O que a filósofa Simone de Beauvoir afirmaba -a muller non nace, faise-, vese claramente coa aparición de todas as Maléficas que campamos por estes lares, na medida en que non nos definimos dentro da moral xudeo-cristiá. Conseguimos deixala fóra das nosas vidas e xa non pode mancarnos. Maléficas somos pois todas as que simpatizamos coa Teoría King Kong, de Virginie Despentes. Tamén coa Teoría Queer. Aparecemos pola esquerda, principalmente, mais tamén saen algunhas polo centro e, con sorte, captaremos ás máis espabiladas da dereita. Que nos caracteriza? Pois para interese de Harry, o que destaca en nós, vén sendo a indiferenza absoluta polas súas valoracións ao respecto do noso físico ou do noso labor intelectual. Non precisamos da aprobación de Harry. Son cousas que pasan. Agora ben, que sucede entón con Harry cando, no canto de bater coa amábel Sally, dá con nós? Que xorde o conflito. Para que nos entendamos, que Harry, máis habituado a tratar con Sallys -ligues compracentes, amigas maternais, compañeiras de partido contemporizadoras e cómplices-, fica sorprendido con Maléfica, non sabe como tratala. Por que esta muller non lle segue o rollo? Por que “non baila” con el? Por que lle di “baboso”? Por que, a ver, por que? Como pode ser isto así, sendo el tan “simpático”? Por favor! Se as Sallys todas afirman que é inofensivo! Pois isto é así, porque as Maléficas sabemos de vello que Harry está sucio, que se bota enriba das mozas coa escusa de estar, como din por aí, “chuzado” -“ebrio” para exquisitos- e non parece querer comprender que existe un espazo persoal que non debería invadir. Vaia, que non todo o monte é ourego!

Te puede interesar