Opinión

Hilarante....

Unha vez máis a voluptuosidade verbal e o desatino deixan claro que Chávez non está a altura, non dá a talla, quédase corto. Digamos que o seu subconsciente totalitario é a todas luces pueril, consegue poñer ao descuberto que o socialismo revolucionario e transgresor do século XXI (Patria, Socialismo ou Morte) por el proposto, é unicamente unha pretensión, unha ansia persoal de controlar absolutamente todo, de gañar popularidade.


Antes de falar de socialismo moderno debería primeiro facer unha análise do que realmente significa este termo. Entón caería na conta de que o que el consideira avanzado e revolucionario nos dous sentidos da palabra, como cambio e como efecto revulsivo, xa está feito. En política, como nas artes, as posibilidades de inventar algo son escasas, conque ese afán por nacionalizar empresas como CANTV e a súa filial Movilnet, entre outras, para facer gala dese socialcomunismo de vangarda non resulta creíbel pois están baseados nunha ideoloxía socioeconómica xa superada na actualidade.


Neste momento histórico da economía conviríalle máis tomar nota do socialismo europeo, evoluír abandoando esa idea infantil de modernidade e moderar o seu estilo rancio, exaltado e pouco efectivo que tan poucas simpatías xera. Non debe pensar o señor Chávez que pode dicir todo o que se lle pasa pola cabeza, sobre todo tendo como ten un cráneo tan pouco privilexiado, máis ben debería coller un profe que lle dea clases particulares de diplomacia e educación. Así evitaría moitos problemas como o de quedar en ridículo diante dos seus por anunciar unha conxelación de relacións con España que non vai ter lugar. Se el di que Colombia merece outro presidente, por aquí, nesta parte do mundo, dicimos que a Venezuela lle convén educar ao seu porque é evidente que esas explosións patrióticas e mesiánicas totalmente extemporáneas só o perxudican. Como todas as persoas inflexíbeis, tende claramente á tiranía, unha tiranía que lle foi outorgada polo seu propio pobo ao votarlle.


Entendemos pois que goberna lexitimamente, como apunta Llamazares, pero claro, o fin sempre ten que xustificar aos medios? Que pasa coa censura? Que coa represión violenta dos manifestantes antichavistas? Persoas como Chávez non representan ningunha revolución socialista e moito menos unha auténtica democracia, son tan só títeres dun anhelo salvador absurdo, dun tempo que xa pasou, dunha demagoxia que desborda. Hilarante político, inxénuo orador... O falar non ten cancelas.

Te puede interesar