Opinión

Humanidades

Estamos a piques de rematar o curso. Chegou pois o momento de elixir entre as diferentes optativas que se ofrecen no Bacharelato. Isto, que, en principio, non debería supoñer ningún problema, crea no noso alumnado bastantes conflitos, na medida en que os estudos de materias como Filosofía, Literatura Universal, Latín ou Grego, son consideradas, ás veces polo propio profesorado, como menos “relevantes” e “útiles”, dado o sentido da inmediatez que impera na sociedade actual. Tendo conta disto, os/as adolescentes adoitan interpretar que escoller Ciencias é máis práctico, porque, entre outras cousas, é o que se lles di. Esta idea tan absurda procede da concepción neoliberal que triunfa no sistema educativo dende hai anos, unha concepción que incide, de xeito tendencioso, no carácter produtivo que se lle atribúe ás Ciencias, fronte ao presuntamente improdutivo das Humanidades. Absurdo? Moito, pero é o que sucede. Daquela, habería que revisar ese concepto de “utilidade” tan maniqueo e formular preguntas que nos permitan determinar ata que punto é útil saber moito, poño por caso, de xenética, sen posuír unha formación ética sólida para xestionar a aplicación dos avances médicos ou tecnolóxicos. Facerse preguntas é tan importante como intentar respondelas, por tanto, cómpre meditar moi seriamente sobre a capacidade que se lle inculca ao alumnado de secundaria para cuestionar aquilo que se lle presenta como verdadeiro. Trátase de aprender a pensar, de adquirir capacidade crítica para manexar correctamente a información.

A Filosofía, a Literatura e as Artes facilitan non só a reflexión sobre o mundo que representan, mais a posibilidade de crear visións diferentes. Urxe pois que a rapazallada teña consciencia da importancia que tiveron as diferentes correntes filosóficas para introducir na sociedade novos xeitos de interpretar o mundo e de interactuar nel, que valoren a “utilidade” de comprender os textos novelísticos ou poéticos e captar neles a tradución literal de distintas cosmovisións que tanto condicionaron a nosa vida.

No entanto, o máis interesante de todo sería poñer en valor eses contidos transversais que conectan as diferentes asignaturas que se están a impartir e saírmos un pouco dese esquema fragmentario que separa os coñecementos en compartimentos estancos. Conseguir, por exemplo, que entendan que o mito da caverna de Platón está presente en Farenheit 451, de Ray Bradbury ou La vida es sueño, de Calderón, pode levarnos a un debate ben interesante ao respecto do concepto de “ficción”, visto, claro está, non só dende o noso punto de vista actual, coa axuda tamén de filmes como Matrix -das irmás Wachowski- ou Intelixencia artificial -de Steven Spielberg-, senón das reflexións que o propio Cervantes verqueu en El Quijote, ao respecto do xénero narrativo. A defensa da versosimilitude, mesura e proporción como ingredientes imprescindíbeis dunha boa novela poden ser revisados nunha clase de literatura, asociados ao devandito concepto de ficción.

Do mesmo xeito, resultaría estimulante, imaxinar a visión de moitas autoras falecidas sobre este particular asunto. Daquela, que diría Rosalía de Castro se tivese unha conta en Twitter?; E que pensaría, por certo, do trato que se lles dispensa “as literatas” a día de hoxe?; E Penélope, como reaccionaría no 2017, ao ver aparecer pola porta a Ulíses despois de vinte anos desaparecido? Cuestións coma estas ofrecerían ao alumnado unha visión ben diferente das Humanidades. Comprenderían, en definitiva, que nelas se reflicten moitos dos seus problemas. Que pode haber máis interesante que isto coas ganas que teñen de os resolver?

Te puede interesar