Opinión

Independientes: Numax

Non todo está perdido. Non sei se falar de esperanza, mais si de certa capacidade de recuperación, que tampouco está mal. A miúdo, de tanto ver a realidade negra, ou negrísima, perdemos a perspectiva e afundimos. Porén, ás veces, no medio do negror, suceden cousas sorprendentes, que nos estimulan.

Menos mal! Aínda existen persoas con certo impulso, que vibran e fan vibrar ao resto. Seguramente isto non preocupe á maioría, pero a unha minoría si. Asumo este feito constatado ao longo dos anos. Sen acritude, como diría o outro. Prometido. Iso si, por moito que o asuma, non podo evitar facer visíbel algo que, malia non ser interesante para todas as persoas, si podería selo algún día, de mudarmos algúns dos valores imperantes, como a competitividade. Porque este afán de competir é o verme dunha sociedade insolidaria que, tristemente, só se ocupa de protexer o territorio de seu e aumentalo. Aquí ninguén dá nada, non digo xa a cambio de nada, mais dun pouquiño. Daquela, iso de dar, equivale, a día de hoxe -máis ou menos- a ser idiota. Xa que logo, prima o cutre. Mellor que nos vexan así, cotrosos ou agarradas, e non se aproveiten de nós. Curioso. Ensanchamos o significado da dignidade, por motivos, fundamentalmente, egoístas que nada teñen que ver coa problemática social. Por dignidade, non ofrecemos a man abertamente. Non vaia a ser que nos tomen por parvas. Por dignidade, marcamos liñas invisíbeis -cada vez menos invisíbeis, conste- que nos separan do resto. Facémolo para que saiban que aquí, non todo monte é ourego. O noso sentido da divindade, como lle dicía o Cary Grant á Katharine Hepburn en Historias de Filadelfia (1940), non nolo permite. É así andamos. Co lombo cargado dunha dignidade falsa, que, paradoxalmente, descobre a nosa vileza. Se xa non é moi loábel dar o que sobra, polo que ten de hipócrita, moito peor será negalo se alguén, por algunha razón, o precisar. Pois ben, neste ambiente insufríbel, cóanse, de cando en vez, algúns animais humanos insólitos, dada a súa escaseza, que parecen abrir un pequeno burato para que entre aquí un cacho de luz. E entra. Aos poucos, si, pero entra. Escribo isto pensando no esforzo e afouteza de persoas como Ramiro Ledo, Irma Amado, Pablo Cayuela e X. Carlos Hidalgo, que, non sen certo temor, van pór en marcha unha sala de cinema independente -Numax-, en Compostela. Que necesidade tiñan de se “enmarronar” nun proxecto que podería non funcionar? Ningunha. Estamos ante un caso poltergeist -a ironía é inevitábel ante o cutrerío dominante- de persoas que teñen un corazón na cabeza. A cinefilia agradece esta iniciativa. Seguramente en Ourense hai tamén moitas persoas que quererían algo así para a cidade.

Te puede interesar