Opinión

La isla mínima

Non me gusta moito empregar o adxectivo “vencedora”, para facer referencia a unha peli que, coma no caso de La isla mínima, arrase nun festival de cinema. Non me gusta, porque o devandito adxectivo pode facer ver como grandes “derrotadas” -eis outro cualificativo que me desagrada- a fitas igual de interesantes, malia non recibiren o arelado Goya. Escribo isto e penso, por exemplo, en Las musarañas, Magical girl ou El niño. Outro tanto sucede co recoñecemento das actrices, actores, guionistas etc. Porén, as cousas son así, non hai premios para tanto talento.

Daquela, estar nominada/o tería de ser xa un importante recoñecemento. Supoño que as persoas nominadas estarán de acordo con isto, aínda que, nun primeiro momento, o desexo de levaren a estatua andase aí, a roldar polas súas cabezas. Pero, deixemos as especulacións e entremos en fariña. Pensemos nalgúns dos actores e actrices galardoados/as. Que resaltariamos? Obviamente, deste 2015, os premios más aplaudidos en Galiza foron o de Nerea Barros (Santiago de Compostela, 1981) e Javier Gutiérrez (Asturias, 1971). No caso de Nerea Barros, Goya á mellor actriz revelación, sentimos unha ledicia grande porque é galega. Lóxico. Iso si, unha vez recoñecido isto, cómpre deixar claro que Nerea Barros estivo fantástica no seu papel de Rocío, en La isla mínima, a exitosa fita de Alberto Rodríguez. En efecto, Barros conseguiu que acreditásemos nesa nai pesarosa e chea de temor, malia a súa xuventude e beleza.

Vimos pois unha muller tremendamente insegura, devastada, triste. Non foi necesario que aparecese fea -isto en Hollywood faise moito-, porque soubo facerse co espírito do personaxe até tal punto que non vimos os seus rasgos sensuais en ningún momento, mais a faciana do terror. Por outra banda, Javier Gutiérrez, Goya ao Mellor actor protagonista -La isla mínima-, malia ter nacido en Asturias, viviu dende neno en Ferrol, así é que, considerámolo galego tamén. Porén, unha ledicia baseada unicamente na fraternidade sería unha alegría moi simple -que non sinxela- e nós somos capaces de mirar en moitas as direccións.

Refírome a que vemos o talento deste actor, a súa precisión interpretativa. A naturalidade. En definitiva, o don de ser e sentirse outro, por distinto que este sexa. Non é a primeira vez que Gutiérrez dá conta da excelencia do seu traballo na pantalla -bóteselle un ollo a La habitación del niño, o telefilme de Alex de la Iglesia, ou Un franco, 14 pesetas, de Carlos Iglesias-, mais, talvez si sexa esta a primeira vez que se lle permitiu lucirse como actor e estar a un tempo no foco de interese, algo imprescindíbel para un recoñecemento deste tipo. Bravo entón por el e por Nerea Barros. Bravo tamén por Alberto Rodríguez, director de La isla mínima, pois, malia non gustarnos o adxectivo de “vencedora”, si recoñecemos a precisión e contención narrativa da peli, ademais da recreación estupenda dos anos oitenta. La isla mínima é unha boa historia. E o máis importante de todo, está moi ben contada.

Te puede interesar