Opinión

Lobos sucios

Ahistoria das minas de wolframio en Casaio, da que fixo un documental ben interesante o rués Felipe Rodríguez Lameiro, proxectado, no seu día, no Festival de Cinema de Ponferrada, xa ten o seu correlato na ficción, dirixido, nesta ocasión, por Simón Casal (A Coruña, 1984). Co mesmo título que o devandito documental de Rodríguez Lameiro -Lobos sucios-, o filme recolle o acontecido durante os anos corenta nesta zona de Valdeorras, na que houbo unha prisión, a carón das minas, con presos políticos do franquismo que traballaron nelas en pésimas condicións. Se no documental de Felipe Rodríguez, o punto de vista da narración partía do neto do maquis andaluz Miguel Cardeñas e mais da mineira galega Manuela Valle, na ficción que nos propón o director coruñés o protagonismo recae en Manuela. No entanto, tamén a súa irmá, Candela, partilla este protagonismo con ela. Ambas as dúas personaxes, interpretadas por Marián Álvarez -Concha de Prata en San Sebastián, alén do Goya, á mellor actriz por La herida,dirixida por Fernando Franco- e Manuela Vellés -actriz principal naquela pretenciosa fita de Julio Medem, Caótica Ana-, respectivamente, son un dos logros do filme. Tanto Álvarez como Vellés fan gala do seu rigor interpretativo e isto constitúe, sen dúbida, insisto, un dos máximos atractivos da peli, alén da recreación do ambiente, certamente acaída.

Lobos sucios, presentada no Festival de Cinema de Ourense, xa se pode ver nalgunhas salas de cinema. Menos mal! Porque, ademais do típico cine comercial con algunha que outra “filtración”, como Julieta, de Almodóvar, ou La noche que mi madre mató a mi padre, de Inés París, Toro, de Kike Mallo, ou Mon roi, de Maïven Le Besco, entre outras, xa necesitabamos algo propio e diferente que nos estimulase. Lobos sucios, á marxe dos seus defectos, case todas as boas historias teñen algún, é unha película interesante, que emociona. Ben contada e mellor interpretada, esta fita de Casal merece toda a nosa atención. Se imos ver filmes sen moita chicha por pasar o rato, por que non facelo cunha historia tan interesante, que nos permitirá construír a propia memoria, esa que tantas persoas descoñeciamos? Iso de que Simón Casal quixo tocar demasiados temas e a trama “tiranizou” a peli fáiseme esaxerado, como tamén que se lle poñan pegas ao compoñente fantástico. Non é posíbel comprender a Galiza anterior sen ter conta das meigas, dos trasnos, dos lobos... De certo, un dos intres máis potentes desta historia é protagonizado por un lobo cuxa ollada é penetrante. Como dirían as nosas avoas, só lle faltou falar.

Te puede interesar