Opinión

Entre lobos

Ofreceume esta semana un amigo ver o filme de Gerardo Olivares -Córdoba, 1964- na casa. Como non o vira no seu día -estreouse no 2010-, o convite pareceume unha ocasión excelente para coñecer esta singular historia de Marcos Rodríguez Pantoja, o neno criado por unha manada de lobos, moi ben interpretado por Manuel Camacho, nominado ao Goya como mellor actor revelación. Con todo isto, sobra dicir que Entre lobos é unha desas pelis que cómpre ver, non só porque engaiole, mais pola excelencia de seu. O agarimo co que se filmou é exquisito. De feito, xa nas primeiras escenas, sen eu coñecer a traxectoria de Olivares -Espiga de Ouro na Seminci, en 2007, por 14 quilómetros- comprendín que estaba ante un traballo practicamente perfecto.


As imaxes impactantes dese Val do Silenzo onde viviu Marcos Rodríguez dende os sete anos, despois de ser vendido polo seu pai e entregado a un pastor vello -Sancho Gracia- que morrería pouco despois, poñen a pel de galiña. Á marxe da crueldade implícita nese abandono do pai, ademais das malleiras que xa lle dispensara a súa madrastra antes de ser vendido, esta historia fascina pola relación que o neno estabelece co medio e cos seus “feroces” habitantes que, finalmente, non o foron tanto.


Aqueles lobos que, como ben explica o pastor ao neno antes de morrer, pasaban polo lado das persoas varias veces para as amedrentar, alimentárono e déronlle afecto. Vivía entre eles como un membro máis da manada, así é que xogaban e cazaban xuntos. Contaba tamén coa axuda dun furón co que podía capturar coellos e coa amizade dun moucho ao que alimentaba. Así, entre lobos, mouchos, xabaríns, furóns, serpes, águias e voitres, Marcos coñeceu un tipo de vida que xa non existe: a do home na natureza. Non sobre ela.


Cunha historia semellante suscitar o interese do público non é difícil, é certo, mais o mérito de Olivares e o seu equipo, non radica tanto na historia, de seu fascinante, mais na calidade da fotografía e na inmensa paciencia para rodar cada secuencia cos animais. Ver a ollada do moucho, escoitalo bufar, contemplar o seu voo, despois de abrir as ás amplamente, para achegarse ao rapaz xa adolescente -interpretado por Juan José Ballesta-, do mesmo xeito que presenciar como unha águia captura a súa presa e lla leva ás crías, ou as carreiras do mozo e mais do lobo para dar caza a un cervo, non ten prezo. Este filme delicioso, con escenas incríbeis, reflicte o talento e a dedicación do cordobés. Está claro que hai películas que é unha mágoa perder. Quen poida pois pillala hoxe que a pille. Porque demorar un pracer exquisito? Agora si que me queda pena de non poder ver o documental Guadalquivir no cinema. Intúo que é unha xoia.

Te puede interesar