Opinión

Maltratadores integrados

Bertrand Cantat foi condenado a oito anos de cárcere, dos que só cumpriu a metade, por “homicidio involuntario”. Involuntario? Se se pensa no obxectivo, talvez si fose algo involuntario, porque a pretensión non  era liquidala. Agora ben, para ser involuntario, a saña foi enorme, porque Marie Trintignant sufriu un edema cerebral. Daquela, se se pensa no ensañamento da malleira, a devandita acusación resulta suave de máis. O cantante francés é un tipo indesexábel e manipulador. Tamén famoso, si. Por iso foi convidado no 2011 ao Festival de Aviñón para dar un concerto co seu grupo. E cantou, coma calquera outro artista. Ninguén manifestou nada sobre a súa presencia alí, agás Jean-Louis Trintignant, pai da actriz, que decidiu abandonar Aviñón sen ocultar a súa lóxica indignación. Lóxica non só polo vínculo familiar, mais polo bochornoso que resulta dar apoio a un maltratador. 

Esta nova referente ao abandono do Festival de Aviñón de Jean-Louis Trintignant, malia ser “antiga” -aconteceu no 2011-, estivo a circular estes días polas redes sociais e trouxo á miña memoria tan vergonzoso asunto, no que, sinceramente, xa non pensaba. Agora ben, foi interesante volver ler toda a historia e contemplar, xa dende a distancia, o acontecido nese festival. Comprobei con agrado que segue a parecerme igual de insultante que hai seis anos, a connivencia das persoas que contrataron a Cantat e daqueloutras que, habitualmente, o aplauden. A verdade, esta capacidade de esquecer un delito de tal calibre e mirar cara ao outro lado asusta. Ver como a popularidade dentro dun determinado ámbito -social, cultural ou estritamente político- facilita a vida deste tipo de personaxes irrita bastante. E non só, tamén revela unha profunda covardía por parte de quen contemporiza para evitar malos rollos. 

Canto máis pusilánime é alguén, máis cómplice. Se prestamos atención, comprobaremos que neste noso black mirror particular a estulticia fíxose co espazo semántico que lle correspondía á amabilidade. Daquela, a estupidez e a covardía son características imprescindíbeis para vivir sen conflitos neste penoso escenario onde aplaudir os maltratadores e deixalos campar a vontade polos espazos públicos é frecuente, malia as acusacións de abuso que pesan sobre eles. Unha sociedade que alimenta e favorece o cinismo e a hipocrisía como ferramentas de integración é unha sociedade mediocre. Black mirror total.

Te puede interesar