Opinión

Mimosas

Mimosas, o segundo filme de Olivier Laxe, competía este ano en Cannes, na Semana da Crítica, con outros seis filmes, escollidos entre máis de mil. Concretamente estes: Albüm, de Mehmet Can Mertoglu, Diamond Island, de Davy Chou, Grave, de Julia Ducournau, Sahvua ve yom, de Asaph Polonsky, Tramontane, de Vatche Boulghourjian e Yellow bird, de K. Ra- jagopal. E gañou! Esta é a segunda vez que Laxe recibe un recoñecemento polo seu traballo na cidade francesa. A primeira foi no 2010, na que se lle concedeu o FIPRESCI -Fédération Internationale de la Presse cinematográfica- pola súa primeira longametraxe Todos vós sodes capitáns.

Xa antes diso, no 2006, a curtametraxe Y las chimeneas decidieron escapar -en colaboración con Enrique Aguilar- fora seleccionada no Festival de Cinema de Xixón e no East End Film Festival de Londres. Está en racha Olivier Laxe? Poderíamos pensar que si, porque todos estes recoñecementos non son peccata minuta. No entanto, deixalo todo ao azar sería moi inxusto, dado o evidente talento do cineasta, que adoita definirse como “viaxeiro” sempre que lle preguntan pola súa identidade. É que Laxe naceu en París, no 1982, mais tamén viviu en Galiza moito tempo -fala galego perfectamente- e en Londres ou Tanxer. Gosto desa autodenominación de “viaxeiro”, porque o define perfectamente.

Laxe é un mestizo. Absolutamente poroso e radical. Cun pensamento xenuino, que nace, obviamente, dunha interpretación persoal do aprendido. Nunha das entrevistas que lle fixeron -paga a pena escoitalas- di que elixiu vivir “illado”. Isto -explica sen subterfuxios- permitiulle “salvarse do cinismo”. E formarse libremente, sen se deixar condicionar pola olla da allea, engadiría eu. En efecto, o xove cineasta non fala por boca de ninguén. Di abertamente o que pensa. Non se agocha. De aí, do seu pensamento natural, sen adornos, nacen esas pelis que tanto interese suscitan á crítica de cinema.

Tanto Mimosas, como Todos vós sodes capitáns, son, segundo el mesmo explica, o resultado dun traballo longo e duro. Moi especialmente Mimosas, que lle levou cinco anos

Comprendemos que asegure sentirse orgulloso. Lóxico. Sobre todo sabendo o difícil que é conseguir cartos para facer películas, que, guste ou non, ao buscar diferenciarse do cinema comercial, interesan a un público moi determinado e resultan menos rendíbeis dende o punto de vista económico.

Sempre haberá pois quen pense que financiar un proxecto así implica unha perda de diñeiro. Mimosas está pensada entón para aqueles e aqueloutras que aman a sutileza nas artes, na literatura, na música e no cinema. Porque a sutileza, como a excelencia, existen, malia non ser moi frecuentes. A ver se temos sorte e podemos vela nalgún ciclo de cine. Esperemos que si.

Te puede interesar