Opinión

Mon Roi

Finalmente chega as salas de cinema Mon roi, o filme da directora francesa Maïven Le Besco, xa galardoada anteriormente en Cannes por Polisse (2011) co Premio do Xurí. A tradución ao castelán do título, Mi amor, é imprecisa e bastante menos estimulante. Rey mío tería sido moito mellor, porque, ao respectar a proposta orixinal, conservaría algo importante: o desexo de Maïven de facer visíbel a posición de privilexio que Tony, interpretada por Emmanuelle Bercot -fan- tástica!- concede a Georgio -Vincent Cassel-, do que namora irremediabelmente.

Nesta historia, Le Besco quixo amosar o proceso amoroso de principio a fin. Moi criticada polo carácter evidente da deriva dunha relación, que, dende o inicio, se intúe condenada ao fracaso, esta peli podería ser considerada outro drama romántico máis. Sen chegar á condición de thriller emocional da impactante Lúas de fel (1992), de Polanski, ou de estilizado drama amoroso na liña de La insoportable levedad del ser (1987), unha arriscada adaptación da novela de Kundera, Mon roi mantén a tensión con moita dignidade. Maïven sabe frear ese ritmo trepidante de montaña rusa, de cando en vez, coas imaxes de Tony no hospital. A curación física, metáfora da curación realmente importante, a de dentro, prodúcese lenemente. O personaxe de Emmanuelle Bercot pode ralentizar, nese proceso de recuperación, o vaivén cardíaco e asimilar o sucedido, autocontemplarse dende fóra, coma se fose outra persoa. Grazas a ese exercicio de memorización, que lle permite a meditar sobre a propia conduta, sabemos o que aconteceu. Que a historia é redundante? Un pouco si, a verdade, mais paga moito a pena vela. Por varias razóns.

Unha delas, ao meu ver importante, é o distanciamento de Le Besco ao respecto dos seus personaxes. Coma o fantástico François Ozon, a directora francesa non xulga a Tony nin a Georgio. Daquela, a vitimización da muller enganada desapa- rece. O fracaso amoroso é contemplado dende fóra, sen vítimas nin verdugos. No queda espazo para as “culpas”. O que si hai é responsabilidade. Tanto Tony coma Georgio atravesan un tortuoso camiño para conseguir responsabilizarse deles mesmos e saír da gaiola que cada un construiu por conta propia. No amor, do mesmo xeito que na amizade, as dependencias son devastadoras.

Esta é unha aprendizaxe que pode levar moitos anos. Toda a vida incluso. Namo- ramos, ardemos, devecemos, dependemos, e, consecuentemente, afogamos. Quen po- de tirar a primeira pedra? Neste drama interior, outro dos acertos vén dado por eses diálogos estimulantes mesmo cando todo parece perdido e xa non queda moito por dicir. Aqui, iso de “se non hai que contar, mellor calar” , non se cumpre na súa totalidade, porque, insisto, mesmo nas conversas que se producen no medio da desidia absoluta -por parte del ou dela-, coa inevitábel subida de ton, que, finalmente, derivará nunha explosión histérica, o interese manténse. Con todo isto, considero ben interesante este filme da directora -e actriz- francesa, porque, alén de suscitar unha boa conversa a posteriori, na medida en que permite, a través desa historia, a necesaria revisión da nosa visión occidental do amor, sen sermóns ideolóxicos de ningún tipo, consegue que pasemos un bo rato. E, o ao fin e ao cabo, non é o entretemento un dos obxectivos do cinema?

Te puede interesar