Opinión

Morbo

Morbo como interese malsán por persoas ou cousas, ou tamén, morbo como atracción por acontecementos desagradábeis. Sobre todo o último, insistencia no coñecemento minucioso da desgraza, no detalle preciso da dor, da esgazadura. Iso foi o que padecemos na televisión a semana anterior, esta que está a pasar, e probabelmente, a vindeira. A causa? Evidentemente a pretensión de informar. Tanto esforzo se fixo que agora temos todos datos dabondo para medir os contornos da amargura deses familiares que aínda esperan ter o seu cadáver e poder enterralo.


Alucinante, por exemplo, o corporativismo de Telecinco que, para completar a información dos seus telexornais referente ao polémico accidente, contou co apoio inestimábel dun programa, obviamente de caráter documental, como ‘La noria’, conducido por Jordi González (debería estar en Informe Semanal) quen moderou un debate sobre o tema e, para que soubésemos todo todo, formulou preguntas aos bombeiros invitados que, de seguro, a ninguén se lle ocorrerían. Tomen nota: Que sentiches cando viches o panorama? Pensas nos mortos cando te deitas? Ben, pois amais destes orixinais interrogantes, propuso valorar numéricamente a súa coraxe e a actuación de Spanair. Hilarante e repulsivo. Realmente non sei onde teñen a sensibilidade as persoas que se prestan á mercaduría da traxedia, seguramente no sitio onde remata o lombo. Non explicitarei máis.


Pero aínda mellor que este debate de altura, foi o que fixeron en Está pasando (tamén de Tele 5), onde ousaron coller o voo JK 5022, xusto o día posterior á catástrofe. Cunha cámara nas mans, os sagaces reporteiros, ofreceron imaxes dos restos do avión siniestrado mentres comentaban, nun tono de evidente consternación, a emoción das auxiliares de voo que, segundo informaron, choraron nalgún momento da viaxe. Dende logo, como dicía Quevedo, é amarga a verdade, pero tamén, en casos coma este, deshonrosa. Por iso, porque é amarga, convén botala pola boca e non calar, mesmo que non deixe de ser unha humilde protesta contra este tráfico da miseria. Non imaxino que lles parecería a estes voitres carroñeiros que lles andivesen tanto tempo enriba se perdesen un ou máis familiares ou amigos nun accidente tan impactante coma este. Se cadra, nun futuro, poderían retransmitir o enterro dalgún pariente dos propios presentadores. A min interesaríame moito ver e saber. En suma, estar debidamente informada, de como o están pasando segundo a segundo, incluíndo, loxicamente, vídeos colgábeis en youtube do momento álxido da cerimonia.


Te puede interesar