Opinión

Mulleres de cine

Mujeres de cine é un proxecto de reivindicación e visibilización do cinema realizado polas mulleres no Estado español. Neste 2019 o devandito proxecto cumpre xa dez anos. Contentas? Si. Estamos contentas, pero aínda o imos estar máis porque anda en marcha unha iniciativa ben interesante: a creación da primeira plataforma de vídeo on demand dedicada ao cinema feito  por mulleres. Chamarase Mujeres de Cine VOD. 

Isto facilitará o acceso a moitas pelis interesantes, mais, tristemente descoñecidas polo público maioritario a causa da difícil distribución das mesmas.  Tal é o caso, por exemplo, de Trinta lumes, de Diana Toucedo, ou A estación violenta, de Anxos Fazáns, cuxa presencia na plataforma me aleda especialmente, porque ambas as dúas son galegas. Imaxino que figurarán tamén na devandita plataforma Xiana do Teixeiro, co seu documental Tódalas mulleres que coñezo,  e a veterana María Ruído, cuxas pezas de análise documental ao respecto do traballo da muller na arte, ou do contido político das imaxes, entre tantos outros temas, constitúen unha aportación moi potente ao respecto dos xeitos de mirar, contemplar e mesmo, en ocasións, admirar, o traballo cinematográfico e audiovisual, que, como moi ben matizaría Víctor Erice non son, en absoluto, a mesma cousa. E ollo, que Ruído é da Limia, ou sexa, da nosa provincia: Ourense.

A verdade, cando vén a miña cabeza o traballo de María Ruído sinto orgullo, porque considero o seu discurso un dos máis potentes dentro do panorama cultural galego, así é que animo á cidadanía da provincia ourensá a presumir dunha investigadora cultural e artista deste nivel. Como non imos presumir? E sobre todo despois de ver como se visibiliza o traballo que realizan os homes no ámbito do cinema, mentres que o das mulleres queda aí, un pouco na sombra. Iso si, como dicían naquel anuncio, "el frotar se va a acabar", así é que xa poden mentalizarse os señores do sistema,  porque non lles vai quedar máis remedio que partillar o foco coas compañeiras de profesión.  Esta cousa das castas ou grupúsculos de privis, cos seus correspondentes "arrimados" -ou "arrimadas"-  ao redor aburre bastante e limita a creatividade. Cómpre dinamitarlles o seu imperio endogámico. A ver se poñen en práctica todo o que implica ser de esquerdas. 
 

Te puede interesar