Opinión

Nostalxia de cine

A nostalxia é un sentimento asociado á ollada retrospectiva. Sitúanos atrás. Nun espazo temporal ao que volvemos cunha sensación estraña. Entre o pracer e a dor. Hai certo masoquismo nesa mirada? Un pouco si. Aí está o deleite polas lembranzas que provocan sufrimento para demostralo. Como disfrutar con algo que nos angustia? Disfrutando. Así de simple. Somos algo dramáticos e melancólicas. Consideramos, ás veces con razón, que o anterior é mellor que o de agora. Todas as persoas temos algo de recordadoras. Lembramos a infancia. A primeira excursión. O primeiro encontro sexual. O caso é botar man da memoria e facer músculo. Hai quen o ensancha tanto que remata por ficar alí atrás e non regresa nunca.

O carácter atraínte do recordo, de tan sedutor, faise perigoso, na medida en que limita a vibración, esa música interior da que escribiu Hölderlin no seu Hiperión, e pode reducirnos á espectralidade. O reino dos nostálxicos non é deste mundo. O das nostálxicas tampouco. Este desexo “migrante” para buscarmos acubillo na anterioridade, aparece un día nas nosas vidas e envurulla o presente: faino peor ante os nosos ollos. Degrádao. A explicación non é outra que o desencanto, unha certa desilusión que aumenta co paso dos días. A nostálxica elixe o pasado porque non soporta o presente. O nostálxico tamén. Daquela, un bo día, deciden autoeliminarse desa liña espazo-temporal para situarse noutra anterior. E, a poder ser, non volver nunca.

Eu teño hoxe un día deses no que as lembranzas non dan tregua. Como lle sucedera ao Scrooge, de Dickens, recibín a visita da pantasma do pasado. Emprestoume uns lentes, e, ao seu través, vin aqueles días en que podía escoller, non só entre varios filmes, mais entre varias salas de cinema para mirar unha película. Isto sucede, certo é, polo cabreo que me produce saber que de todas as pelis interesantes que se proxectaron no Festival de Cannes deste ano, só poderemos ver algunhas tarde mal e arrastro. De momento, está en carteleira a de Olivier Dahan: Grace of Mónaco. A menos interesante de todas. Quedan por ver aínda -nin se sabe cando- Winter Sleep, do turco Nuri Bilge Ceylan; Adieu au langage, do mítico Jean-Luc Godard;Le Meraviglie, de Alice Rohrwacher, e, por suposto, a suxerente Hermosa juventud -do director catalán Javier Rosales-, que participaba na sección Un certain Regard. A ver se hai sorte, saímos da nostalxia e vemos estes filmes canto antes. Por soñar que non quede...

Te puede interesar