Opinión

Novena arte

Teño nas miñas mans dous cómics que me encantan, Presas fáciles, de Miguel Anxo Prado, e Fóra de mapa, de Emilio Fonseca. O primeiro é xa un artista consagrado que nos engaiolou con De profundis -filme nominado ao Goya á Mellor Película de Animación no 2007- que conta no seu haber cunha morea de títulos de grande interese como Ardalén, co que gañou o Premio Nacional do Cómic no 2012, ou Trazos de tiza, polo que recibiu, entre outros, o Premio Alph Art en Angoulême 1994 e o de Mellor Obra no Salón do Còmic de Barcelona 1994. Aí queda iso! O segundo, Emilio Fonseca, natural de Ourense, vén de recibir o Premio Castelao co devandito Fóra de mapa, un cómic ben interesante que ofrece un relato de intriga situado na Venecia de finais do século XV. Fonseca, que traballa tamén no ámbito do vídeo, dirixiu o documental “Queimar o monte” e participou no proxecto de cooperación española Chaco Ra'anga, para o que realizou o cómic “Verde Invisible”, sobre o Gran Chaco latinoamericano. Aí queda iso, volvo repetir. Se isto non é para sentir orgullo do traballo que se está a facer neste ámbito, apaga y vámonos, como din por aí. É máis, creo que as obras dos dous autores deberían ser recomendadas como lectura ao noso alumnado de secundaria, talvez máis afeito a que se lle propoñan novelas, ou, en menor medida, libros de poesía.

Pénsoo porque non podo menos que sorprenderme ante a beleza destes álbumes que permitirán á rapazallada abrir os ollos a un medio de expresión singular e fascinante. Introducirse no mundo da banda deseñada é todo un pracer. Non só para a xente nova, tamén para nós. Así é que estamos de sorte, temos algo moi interesante que ofrecer e de máxima calidade. Iso si, aínda hai máis!

Nestes días a Casa da Cultura Salvador de Madariaga -en A Coruña- ofrece unha exposición, Panorama da BD Galega 2016, na que se poden contemplar dúas páxinas dos traballos de máis de 68 autores e autoras de cómics do noso país. Nela hai de todo. Dende relatos clásicos de Ciencia Ficción e terror ata propostas máis arriscadas e vangardistas. Dende autores consagrados, como o devandito Miguel Anxo Prado, ata xente moi nova, que, na opinión do comisario da exposición, Jano Viñuela, “é a que máis está a aportar nas novas linguaxes e veñen osixenar a produción da BD”. Gústame o de osixenar, porque revela unha actitude aberta e porosa que Viñuela confirma ao declarar abertamente o seguinte: “Non só mostramos os títulos das grandes editoriais, senón que tamén están representadas obras autoeditadas e traballos cunha difusión máis limitada”. Bravo entón por Jano Viñuela! Esa é a actitude.

Te puede interesar