Opinión

Penoso sermón

Trending topic bochornoso. O sermón do párroco de Canena rula por internet a todo gas. O caso non é para menos. A saber: no medio da misa, coa Igrexa repleta de fegreses, o cura de marras animouse a falar de violencia. Nun principio, o ton parecía o esperábel nunha homilía, sentencioso e evidente, cunha clara intención moralizante, en apariencia inxenua, ao respecto do comportamento que, nos parámetros do catolicismo, se considera correcto.

Até aí, a cousa ía polos derroteiros imaxinábeis que, compartámolos ou non, son os que compracen ás persoas que asisten habitualmente á misa, así é que, á marxe do dito popular -o falar non ten cancelas-, ben merecido teñen recibir instrucións morais sobre o que cómpre facer. Para iso acoden á Igrexa. Digamos que hai un pacto tácito entre cura e fegresía, que implica a aceptación do sermón e punto redondo. Na misa non se interactúa co párraco. El fala. O resto escoita.

O caso é que o predicador de Canena, a medida que falaba, foi perdendo o norte: meteuse en terreo perigoso, a violencia machista, que el, pouco afeito a eses temas, adoitou denominar violencia de xénero. En todo caso, pasando por alto a devandita imprecisión -o xénero é unha construción cultural, así é que “machista” sería o adxectivo máis acaído para calificarmos este tipo de violencia contra as mulleres-, o punto álxido do sermón chegou cando dixo que “Hace treinta años había mucha más incultura, a lo mejor... A lo mejor un hombre se emborrachaba -atención ao que vén a continuación- y llegaba a su casa y le pegaba a la mujer, pero no la mataba, como hoy. Hoy es que la mata. Por qué? Porque antes había un sentido moral y hoy no lo hay”.

En definitiva, segundo el o ve, o maltrato naqueles anos de sexismo rancio e plena dominación masculina, se limitaba ás palizas, sen chegar ao asasinato, porque había un certo sentido moral... Asombroso? Non tanto. O sermón do párroco de Canena fai visíbel, unha vez máis, que existe un sector da Igrexa que non quere evoluír e persevera no control da vida allea, no canto de formar aos predicadores de seu que, visto o visto, están aínda no xurásico. A verdade é que este tipo de afirmacións, sustentadas no máis profundo descoñecemento do tema, con valoracións tan simples e, paradoxalmente, perigosas, merecen unha penalización social dura, ademais da esixencia dunha desculpa pública, algo que, sinceramente, non creo que suceda. O dito: bochornoso.

Te puede interesar